Escoitar

A mirada inquietante e intelixente de Goya estará en Castrelos ata o 1 de maio

O Museo Municipal "Quiñones de León" acolle a mostra "A mirada de Goya", organizada por Ibercaja con motivo da apertura da primeira sucursal da entidade en Vigo. Esta exposición presenta o primeiro Autorretrato ao óleo que se coñece de Goya e unha selección de grabados e litografías.

xoves, 7 abr 2005
1112880713castrelos.JPG
O concelleiro de cultura Ignacio López Chaves, xunto co director do Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, José Ballesta, o xefe de nova expansión de Ibercaja, Javier Pomar, o comisario da exposición, Gonzalo de Diego e o director da oficiña de Ibercaja en Vigo, Rafael Usón Nebra, presentaron no pazo de Castrelos a exposición "A mirada de Goya", que segundo afirmou o concelleiro, "será un hito na historia do museo".

A exposición inaugurouse hoxe, 7 de abril e permanecerá ata o próximo 1 de maio. En total serán 33 obras entre as que figuran o primeiro autorretrato do autor, realizado entre 1770-1775 cuns trinta anos. O magnífico óleo vai acompañado da serie completa de litografías "Os toros de Burdeos", restaurados recentemente.

Os "Toros de Burdeos" foron realizados por Francisco de Goya aos 79 años, en 1825. No ano 2000 Ibercaja adquiriu este raro conxunto de catro litografías do que só se tiraron cen exemplares e que só os grandes museos e algúns coleccionistas conservan completo. Ademáis expoñense outros 28 grabados: nove Caprichos, dous Tauromaquias, once Desastres da guerra e seis Disparates.

Ignacio López Chaves comentou a posibilidade de realizar visitas guiadas en grupo os fins de semana e actividades didácticas de martes a venres entre o 12 e o 29 de abril. Estas actividades van dirixidas a escolares da ESO de 1º e 2º ciclo (de 12 a 16 anos) e ao público en xeral, preferentemente asociacións veciñais ou doutra índole. O programa didáctico ten a finalidade de que unha figura como Goya, dado o interese que suscita, poida ser coñecida, ao igual que os acontecementos históricos da axitada España do século XVIII, tan importantes na súa obra.

A guerra, a crueldade, a ignorancia, a pobreza, a realidade dunha sociedade vista dende a mirada crítica e intelixente de Francisco de Goya, son os motivos principais desta exposición, organizada por Ibercaja con motivo da apertura da súa primeira oficina nesta cidade. Segundo Javier Pomar, "a mellor presentación que a entidade aragonesa Ibercaja pode facer nunha cidade é levando por diante ao zaragozano mais universal: Francisco de Goya".

O catálogo da mostra constitúe un práctico libro de consulta sobre algúns aspectos da figura de Goya. O profesor da Universidade de Zaragoza, Arturo Ansón Navarro, realiza un excelente análise do significado das catro series de estampas e da mirada de Goya sobre os defectos, as miserias e las traxedias do seu tempo, trasladables a calquera sociedade e a calquera época.

Francisco de Goya y Lucientes (Fuendetodos, Zaragoza, 1746-Burdeos 1828) pasou á historia como un dos primeiros artistas que puxo en tela de xuizo o seu mundo e todo canto lle rodeaba. En algúns dos seus lenzos e na maior parte dos seus grabados os protagonistas son a crítica, a denuncia e a sátira.
1112880713castrelos.JPG
1112880760goya.JPG
Descargar todas as imaxes