Escoitar

Marta Iglesias reunirase coas asociacións de inmigrantes e emigrantes retornados

A concelleira de Participación Cidadá, Réxime Interior e Benestar Social, Marta Iglesias, reunirase mañá día 7 de abril ás 17:30 con todas as asociacións de estranxeiros presentes en Vigo. O encontro ten como obxectivo coñecer as necesidades e avaliar as posibles achegas do colectivo de inmigrantes e emigrantes retornados para facilitar unha maior integración.

mércores, 6 abr 2005
A concelleira de Participación Cidadá, Réxime Interior e Benestar Social, Marta Iglesias, reunirase mañá día 7 de abril ás 17:30 con todas as asociacións de estranxeiros da cidade de Vigo. Así, asistirán a Asociación de Argentina en Galicia, a Asociación de Uruguayos por el Mundo, a Asociación Cultural para las Migraciones Colombianas, o Centro Cultural Cubano en Galicia, a Asociación de Integración Galego-Brasileira Abriga, a Asociación Cultural Deportiva Amigos de Venezuela, a Asociación de Integración do Africano (Aida), a Asociación de Emigrantes Senegaleses Residentes en Vigo, o Comité Óscar Romero e as Madres Latinas.

O encontro ten como obxectivo o achegamento ao colectivo estranxeiro, para coñecer a súa situación e tamén as achegas que estes novos vigueses poden facer ao conxunto da cidade en materia cultural, social e gastronómica.

Entre outras cousas, Marta Iglesias e as asociacións de estranxeiros tratarán das subvencións ás que poderán acceder este ano todas as asociacións de inmigrantes legalmente constituídas e rexistrados na cidade.

Así mesmo, a oficina de atención aos inmigrantes e emigrantes retornados ofreceralles a posibilidade de dinamizar as asociacións organizando charlas e conferencias sobre cultura local, prestacións sociais, educación, sanidade, hábitos saudables e todas as habilidades sociais que faciliten unha integración non traumática .

Esta reunión é só a primeira das actuacións que realizará a Concellería de Participación Cidadá cos colectivos de estranxeiros. Unha vez valoradas as demandas destes grupos estableceránse actividades máis convenientes para atendelas.