Escoitar

O Concello solicitará máis de tres millóns de euros para a prestación de servizos sociais

Segundo acordou o Pleno da Corporación, o Concello solicitaralle á Consellería de Asuntos Sociais tres subvencións que suman un total duns 3.650.000 euros para o desenvolvemento de diversas actuacións relacionadas cos servizos sociais e a área de Muller. O Pleno tamén nomeou os representantes municipais no Corsorcio do Casco Vello.

venres, 1 abr 2005
1112360534pleno0104.jpeg
O Pleno da Corporación Municipal celebrado hoxe venres aprobou a solicitude de varias subvencións á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. Así, a proposta da comisión informativa de Asuntos Sociais, o Concello demanda 3.192.317,98 euros para a prestación de servizos sociais de atención primaria no termo municipal ao longo do ano 2005.

O Concello tamén solicita 421.301,24 euros para manter e realizar programas e investimentos, que se repartirían entre o Departamento da Muller (Oficina da Muller e Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller), con 114.490,25 euros; gastos de persoal e mantemento da Casa de Acollida de Mulleres e piso tutelado, con 169.777,43 euros; o Servizo de atención domiciliaria da Infancia, con 80.939,10; o Plan Municipal contra a Violencia de Xénero, con 44.074,22 euros; e as bolsas de axuda económica para a saída das mulleres da Casa de Acollida, con 12.020,24 euros.

Outra solicitude de subvención, esta por un importe de 40.000 euros, foi aprobada polo Pleno da Corporación, co obxectivo de que a Consellería de Asuntos Sociais axude a sufragar os gastos de equipamento e mobiliario básico das seis vivendas públicas municipais, para favorecer o acceso das mulleres vítimas da violencia á vivenda.

Por outra banda, na área de Urbanismo e Medio Ambiente, o Pleno aprobou definitivamente a ordenanza municipal reguladora da inspección técnica de edificacións, elaborada pola asesoría xurídica da xefatura da Xerencia Municipal de Urbanismo.

Ademais, o Pleno da Corporación nomeou a José Manuel Figueroa, Mauricio Ruiz e Xabier Toba representantes municipais no Consorcio do Casco Vello, e a Ignacio López-Chaves, María Luisa Graña e Amador Fernández, respectivamente, como suplentes seus. Polo mesmo acordo solicítase ao Consorcio do Casco Vello que inicie a modificación dos seus estatutos a fin de ampliar a representación dos entes consorciados de xeito tal que lle permita ao Concello dispor dun representante máis.

Por último, no ámbito de Xestión Municipal, autorizouse a rectificación no Inventario Municipal de bens e dereitos do camiño Rapadouro de Abaixo e do camiño Fonte R-4-1, anulando en ambos os casos a súa consideración como vía pública ao pasar por fincas privadas.

Mocións

O Pleno da Corporación aprobou a totalidade das mocións presentadas polos grupos municipais no transcurso da sesión celebrada na mañá do venres.

O Partido Galeguista instou o arranxo, sinalización e limpeza dos dolmens da Madroa e propoñer á Deputación Provincial de Ourense a concesión do premio Otero Pedrayo a D. Xosé Neira Vilas.

As mocións presentadas polo BNG propuñan a reparación de beirarrúas de Vía Norte; a impartición de formación de hostalería no IES Manuel Antonio; sobre o proxecto de lei da Área Metropolitana de Vigo e instou o derrubo de palco e arranxo muro camiño da Devesa en Candeán.

Pola súa parte o grupo municipal do Psdg-psoe presentou as mocións relativa á petición da Asociación dun local para Asociación da 3ª Idade Quiñones de León e sobre a inversión da Xunta de Galicia en equipamentos culturais en Vigo.

Aprobouse tamén, coa abstención do PG, unha moción conxunta dos socialistas e nacionalistas na que se solicita un recoñecemento público para os represaliados do 36
Descargar todas as imaxes