Escoitar
Será presentado o venres 18 de marzo no Museo Mar de Galicia

O documental "Cestos do Mar de Vigo" explica a técnica da cestería aplicada ás labores pesqueiras

O venres 18 de marzo presentarase no Museo do Mar o documental "Cestos do Mar de Vigo" xunto cunha mostra de cestería. A iniciativa parte do Concello de Vigo, conta coa financiación déste e da Deputación de Pontevedra e co asesoramento do Centro de Artesanía Tradicional.

mércores, 16 mar 2005
1110978582canasto.jpg
O vindeiro venres 18 de marzo, ás 20 horas, terá lugar no Museo do Mar de Galicia a presentación oficial do DVD Cestos do mar de Vigo, un documental que recolle a historia e a elaboración de pezas de cestería empregadas tradicionalmente durante as labores de pesca e marisqueo na Ría de Vigo. O documental, realizado pola productora especializada en temas etnográficos Pyrene, contou co cofinanciamento da Deputación Provincial de Pontevedra e do Concello de Vigo, do que partíu a iniciativa. O asesoramento técnico e etnográfico correspondeu á Casa do Cesteiro, dependente do Centro de Artesanía Tradicional da concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo.

O documental, de 26 minutos de duración terá un pase contínuo no salón de actos do Museo ata o 17 de abril. Esta proxección acompáñase dunha mostra de cestería do mar, na que se exhiben, nas mesmas instalacións, os cestos que foron historicamente habituais na paisaxe litoral e portuaria da nosa ría: canastos, tercios, patelas, esportas, nasas, cestos de pesca e de mariscar... O DVD poderá tamén adquirirse na tenda do Museo do Mar.

Ademais, os días 19,20, 26 e 27 de marzo en horario de 11 a 14 h e de 17 a 21 h van ter lugar obradoiros demostrativos sobre técnicas de cestería relacionadas co mar e que correrán a cargo dos artesáns José Antonio González Fernández (Toño) e Antonio Suárez Dávila (que representa a tradición familiar da rúa dos Cesteiros de Vigo). Estes obradoiros teñen o seu complemento con outros de carácter familiar no que poderán participar nenos e maiores guiados polos tamén cesteiros Mª Jesús Barreiro García e José Carlos González Martínez.

Mostra de Cestería do Mar

Os cestos que se exhiben na mostra foron utilizados de xeito contínuo dende a prehistoria ata os nosos días. Este tecido a man de fibras vexetais nunca foi sustituído por un mellor para a fabricación de útiles para o traballo.

Son estes cestos, ademais, a metáfora dunha Galicia tradicional de agricultores e pescadores: a materia prima xurdida dos cultivos na terra, úrdese con coñecementos ancestrais para servir aos oficios do mar. As necesidades de carga e descarga, de acarrexo e venda das capturas pesqueiras e da recolección marisqueira, propiciaron na ría de Vigo o desenvolvemento dunha cestería para o mar de singular riqueza e variedade.
Patelas para o transporte e exhibición do peixe, esportas para o palangre, canastros, pases das cunchas... cestos que formaron durante séculos parte da paisaxe litoral e portuaria da nosa costa.

Programa de actividades

Así, o programa de actividades complementarias ao documental queda definido da seguinte forma:

Venres, 18 de marzo: Presentación oficial ás 20 horas do documental "Cestos do Mar de Vigo" e da Mostra de Cestería.

Días 19, 20 e 26, 27 de marzo: En horarios de 11 a 14 horas pola mañá e de 17 a 21 horas pola tarde:

- Obradoiro demostrativo das técnicas de cestería relacionadas co mar a cargo dos artesáns: José Antonio González Fernández (Toño) e Antonio Suárez Dávila.
- Obradoiro familiar de cestería para nenos e maiores a cargo dos artesáns: María Jesús Barreiro García e José Carlos González Martínez.

19 de marzo ao 17 de abril: Exposición da Mostra de cestería e proxección en continuo do documental "Cestos do Mar de Vigo".
1110978582canasto.jpg
1110978768corda.jpg
1110978820esporta.jpg
Descargar todas as imaxes