Escoitar

O futuro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal centrará a reunión do Eixo Atlántico en Ourense

Arredor de 300 representantes sociais de Galicia e do Norte de Portugal reuniranse no Auditorio de Ourense os días 30 e 31 de marzo para celebraren o congreso no que se presentarán os Segundos Estudos Estratéxicos do Eixo Atlántico.

mércores, 16 mar 2005
Arredor de 300 representantes sociais galegos e portugueses, líderes políticos da Comisión Europea, da Xunta de Galicia e dos Gobernos de España e Portugal reuniranse os próximos días 30 e 31 de marzo no Auditorio de Ourense para celebraren o congreso no que se presentarán os Segundos Estudos Estratéxicos do Eixo Atlántico, baixo o lema "Proxecto de Futuro".

A redacción dos estudos foi realizada por varios equipos de profesores das seis universidades de Galicia e do Norte de Portugal, dirixidos e coordinados por Xosé Manuel Souto e António Figueiredo. Tras un primeiro plano centrado nas infraestucturas, o Eixo Atlántico orientou este novo traballo a outras necesidades dos cidadáns da eurorrexión.

Así, o primeiro dos tres libros en que se estructuran estes Segundos Estudos céntrase no desenvolvemento territorial sustentable dos municipios do Eixo. O segundo libro aborda a política social e a calidade dos equipamentos urbanos, e o terceiro está dedicado á competitividade, a innovación tecnolóxica, as iniciativas empresariais e a competitividade europea.

No caso de Vigo, os Segundos Estudos detectan como principal febleza a falta de proxecto definido de cidade, aínda que tamén salientan a potencialidade que ten na creación de entes supramunicipais. O perfil funcional que se asigna a Vigo é o de capital industrial e de servizos . Canto ás infraestructuras, os autores do traballo lembran que continúan pendentes o enlace coa A-9, o tren de proximidade a Santiago e o enlace do porto coas autoestradas.

Ademais da presentación dos tres libros que integran os Estudos, no congreso celebraranse debates, leranse os relatorios das sesións de traballo e terán lugar actos de carácter oficial. Para o segundo día do foro está programada unha mesa redonda que leva por título "A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no contexto da Política Rexional Europea". Nesta mesa redonda participarán destacados líderes de opinión e políticos que nalgúns casos ocuparon postos en distintos gobernos de España e Portugal.

As dezaoito cidades e vilas que conforman o Eixo Atlántico teñen por obxectivo constituírse no entramado urbano que lidere o desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que ocupa algo máis de 50.000 quilómetros cadrados e na que viven uns seis millóns e medio de persoas.