Escoitar

O Concello colabora a través dun convenio para mellorar a atención ás mulleres maltratadas

A Concellería da Muller destinará 9.000 euros á Asociación Federación de Mulleres Veciñais para contribuír a mellorar a atención e normalizar a vida das mulleres maltratadas. Esta iniciativa enmárcase no II Plan para combater a violencia contra as mulleres.

martes, 15 mar 2005
1110894111muller.JPG
A concelleira da Muller, Lucía Molares, asinou hoxe martes un convenio de colaboración polo cal o Concello se compromete a entregar 9.000 euros á Asociación Federación de Mulleres Veciñais. O obxectivo desta axuda é contribuír a mellorar a atención que esta asociación presta a mulleres maltratadas para que poidan normalizar a súa vida.

Este convenio, que se enmarca no II Plan para combater a violencia contra as mulleres, supón a renovación do asinado o ano pasado polas mesmas partes e que tivo unha dotación de 6.000 euros. Con el, a Concellería da Muller pretende axudar á Asociación Federación de Mulleres Veciñais nos seus labores de asistencia, acompañamento, asesoramento e seguimento das mulleres maltratadas.

Lucía Molares asegurou trala sinatura do acordo que "a forma de seguir avanzando é actuar conxuntamente co movemento asociativo da cidade", xa que "é moito máis fácil achegarse e axudar ás mulleres maltratadas desde un contorno próximo". A concelleira agradeceu o traballo de "todas as mulleres anónimas, que son moitas, que atenden a aquelas que solicitan a súa axuda".

Pola súa banda, a coordinadora da Federación, Rosa Fontaíña, indicou que "a base do noso traballo é a formación" e informou do incremento das asistencias prestadas pola súa asociación, que pasaron de 300 en 2003 a 818 en 2004. Ademais, Rosa Fontaíña lembrou que a Federación de Mulleres Veciñais non só actúa no campo dos malos tratos, senón tamén no da reivindicación dos dereitos das mulleres.
Descargar todas as imaxes