Escoitar

Convenio para o "punto informa"

Dito convenio, que supón un orzamento de 18.390 euros, vai dirixido ao mantemento do punto de información ás mulleres de Coia e para a creación dun obradoiro de "Expresión Vital e Formación Teatral" que axude á integración das mulleres maltratadas.

luns, 14 mar 2005
A Xunta de Goberno aprobou hoxe o convenio de colaboración entre a concellería de Muller e a Asociación de mulleres Dorna para o mantemento do Punto Informa e a realización do programa "Obradoiro de Expresión Vital e Formación Teatral".

Dentro do II Plan de acción Municipal para combater a violencia contra as mulleres 2004-2007" trátase de pór en funcionamento unha serie de servizos e recursos coa finalidade de proporcionar un apoio integral ás mulleres víctimas da violencia. En concreto, dentro do área de "Seguimento e apoio económico á víctima", o obxectivo é o de facilitar a socialización das mulleres víctimas da violencia, promovendo actividades que rompan co seu illamento. Un dos proxectos neste senso é o do obradoiro de "Expresión Vital e Formación Teatral", presentado pola Asociación Dorna e que foi valorado polo departamento de Muller como un importante elemento integrador.

Por outra banda, o Punto de Información no barrio de Coia para mulleres víctimas de violencia, creada pola Asociación Dorna en colaboración co Concello no ano 2001, contribúe á detección, denuncia e asesoramento das mulleres, á solidariedade entre estas nos seus propios barrios e potencia a descentralización dos servizos e recursos, polo que cumpre cos obxectivos do Plan.

Así, a Xunta de Goberno autoriza un gasto de 18.390 euros dirixido a estes dous proxectos promovidos pola Asociación de Mulleres Dorna.

Federación Eduardo Chao

Seguindo no área de Muller, a Xunta aprobou tamén o proxecto de convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Federación Veciñal Eduardo Chao para o mantemento do "Punto Informa" que ten a Federación e a realización de actividades de promoción da muller para o ano 2005.