Escoitar

O porto de Vigo ten grandes posibilidades para impulsar o SSS e ampliar a súas liñas

O encontro internacional celebrado en Vigo "As autopistas do mar e o Short Sea Shipping", enmarcado no programa de Seminarios Internacionais "Vigo Aberto 2005" do Concello de Vigo, concluíu o venres nunha xornada na que se analizaron polo miúdo as necesidades dos portos para o desenvolvemento do Short Sea Shipping (SSS).

venres, 25 feb 2005
1109351681puertos.jpeg
Así, e no caso concreto do porto de Vigo, os relatores insistiron na súa potencialidade ó tempo que falaron da necesidade de contar con infraestructuras loxísticas axeitadas. Neste senso, indicaron que o porto deberá facer esforzos para implantar proxectos que, dunha banda, sexan respectuosos co medio ambiente e, doutra, se axusten ás funcións previstas.

Segundo os relatores destas xornadas, a Plataforma Loxística de Salvaterra As Neves pode ser un complemento magnífico para darlle un pulo moi importante non só á loxística metropolitana senón tamén ás autopistas do mar.

De feito, o SSS é unha necesidade e, tal e como se concluíu no seminario, as administracións están obrigadas a poñer os medios precisos para o seu desenvolvemento. Os portos, segundo as conclusións destas xornadas, son infraestructuras e para potenciar a súa actividade deben terse en conta tres instrumentos: áreas loxísticas na súa proximidade, simplificar as tarefas administrativas e mellorar a súa competitividade económica e laboral.

A necesidade de que exista unha colaboración activa entre axentes terrestres e marítimos e o necesario intercambio de información entre os distintos sectores da cadea intermodal, foron outros dos asuntos que xurdiron no debate de hoxe.

Na xornada de traballo da mañá do venres, Alfredo Irisarri, da Consultoría Integral de Transporte e Loxística SPIM, analizou as posibilidades de Vigo como porto implicado no Short Sea Shipping. Neste senso, Irisarri amosou a oportunidade de engadir á liña con Francia existente na actualidade, outra que conecte o porto vigués con Inglaterra. Nembargante, advertiu de que outros portos do contorno, sobre todo Bilbao, contan xa con imprescindibles requisitos loxísticos (custo e prazo).

No caso concreto de Vigo, cun volume xa garantido -segundo resaltou Irisarri, dun informe da Asociación Española de Promoción do SSS- tamén podería pensarse en conexións co porto de Amberes, co fin de gañar hinterland non só con España senón tamén co norte de Portugal: "un porto necesita desenvolver accións neste camiño", engadiu.

Sobre a frecuencia, Irisarri asegurou que se debe apostar por servicios diarios ou, alomenos, en días alternos xa que as vías terrestres presentan na fin de semana grandes restriccións.

Pola súa banda, Álvaro Rodríguez Dapena, subdirector de Relacións Externas e métodos de Xestión de Portos do Estado, recordou que o crecemento do tráfico por estrada en España medrou, nos últimos anos, preto do 8% anual acumulativo e, polo tanto, insistiu na necesidade de traballar e impulsar a intermodalidade no transporte. Rodríguez Dapena fixo fincapé na necesidade de que non só sexan as compañías navais estranxeiras as que lle dean un pulo definitivo ó SSS.
Descargar todas as imaxes