Escoitar

A compañía italiana Lenz Rifrazioni abrirá o ALT ’05 con "Pollicino"

A compañía teatral italiana Lenz Rifrazioni presentou no Concello a súa obra "Pollicino" ("Polgarciño"), baseada no conto dos irmáns Grimm. A obra, máis performativa que teatral, abrirá o IV Festival Alternativo de Teatro e Danza de Vigo, que traerá á nosa cidade actuacións case diarias ata o 12 de marzo.

xoves, 24 feb 2005
1109255120actors.jpg
A compañía teatral italiana Lenz Rifrazioni abrirá mañá venres o IV Festival Alternativo de Teatro e Danza (ALT) coa súa obra "Pollicino" ("Polgarciño"), baseada no conto dos irmáns Grimm. Será na Lonxa do Concello ás 21:00. O prezo das entradas, tanto para esta como para as restantes representacións, é de 5 euros, podéndose adquirir tamén por 20 euros un bono de cinco entradas.

Lenz Rifrazioni é a primeira compañía estranxeira que participa no ALT. A súa fama internacional débese a diversos proxectos sobre autores como Shakespeare, Goethe ou, agora, Calderón de la Barca. "Pollicino" incríbese na visión que este grupo ten sobre a obra dos irmáns Grimm, que xa deu traballos baseados en contos tan coñecidos como "Cincenta" e "Carapuchiña Vermella".

A promotora da compañía, Lisa Gilardino, di que "o que sorprende destes contos é que todo o mundo coñece as versións de Disney pero decátase de que a versión orixinal dos irmáns Grimm é moi diferente". Así, segundo Gilardino, estes "son textos moi duros" e a adaptación teatral "serve para redescubrilos". Claro que dunha maneira moi peculiar. Así o define o actor Alessandro Sciarroni: "Este traballo ten un ritmo máis performativo que teatral. Por iso os críticos falan máis de conceptualismo que de representación teatral".

"Polgarciño", interpretado polas maxistrais actrices Barbara Voghera, Elisa Orladini e Sandra Soncini do Lenz Rifrazioni, lévanos a unha visión atómica da ópera teatral. A escena ten a súa medida nunha entidade inferior, no espazo nanosférico, na dramaturxia bacteriana, un laboratorio de enxeñería xenética cuxo vibrión se manifesta heroe da lama e do zudro. A dramaturxia plástica da traxedia do meniño mínimo localízase no limbo desolado da materia escénica concretada pola escenografía, os elementos visuais e o vestiario de Maria Federica Maestri.

A dramaturxia musical elaborada por Adriano Engelbrecht e Andrea Azzali pon de manifesto as súas orixes no canto gregoriano: a medida do mínimo, o sinal do neuma e a xustaposición dos neumas determinan a modulación do canto que aquí se evidencia como totalidade sonora privada de calquera referencia textual.

A representación de "Pollicino" será o inicio dunha serie de actuacións que se celebrarán case a diario na nosa cidade ata o 12 de marzo. O desexo dos organizadores é que o ALT 2005 convirta a Vigo nun referente como cidade culturalmente moderna, para que estea, en palabras da súa directora, Lola Correa, "tan aberta ao mar como ao teatro". O programa do Festival pode consultarse na páxina http://hoxe.vigo.org/actualidade/axenda_evento.php?clase=7&grupo=20.
Descargar todas as imaxes