Escoitar

A formación e a difusión centran as actividades do Centro de Artesanía Tradicional

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Ignacio López Chaves, presentou a nova programación das actividades de difusión cultural do Centro de Artesanía Tradicional –CAT- e Casa do Cesteiro, así como o programa formativo a desenvolver na Casa para este ano.

mércores, 23 feb 2005
1109166962Juli.jpg
Centro de Artesanía Tradicional
A actividade do CAT complétase cos traballos habituais de asesoramento a artesáns, centro de documentación, investigación, protección e divulgación xeral da artesanía tradicional e oficios populares de Galicia.

Actividades de difusión cultural

No ámbito da artesanía tradicional galega prográmanse talleres nomeados "artesanía viva" e consiste en obradoiros en vivo dirixidos a todo tipo de público xa que se facilita ver traballar aos artesáns en directo, coñecer as ferramenta empregadas en cada oficio, achegar ao visitante á materia prima das pezas tradicionais e ter un contacto directo público-artesán, que facilita ao primeiro un maior coñecemento sobre o oficio que se está a ver. Os obradoiros en vivo levaranse a cabo o segundo sábado de cada mes.

A visita plantéase como unha ruta cultural polo Casco Vello ligada a artesanía. O itinerario é o que segue: pártese da Praza do Rei ás 11:30, onde estará un guía especializado. De camiño cara ao Centro de Artesanía aprovéitase para ir explicando os elementos que se nos van presentando: muralla, o Castelo de San Sebastián, a rehabilitación do Casco Vello... Chegados ó CAT o público disfrutará dunha demostración feita por un artesán que explicará todos os pormenores do seu oficio durante hora e media. Posteriormente continuarase a ruta pola rúa da Ferrería para dirixirse á Praza de Calatrava, Praza de Argüelles, para logo atravesar a Rúa Elduayen. Na Praza da Princesa párase diante da Cerería San José facendo fincapé neste establecemento tradicional, para, dirixíndose cara a Rúa dos Cesteiros, deterse a ver as diferentes pezas elaboradas dando pé a facer diferentes comentarios sobre o proceso de fabricación. Posteriormente dirixiranse a Rúa Real onde se visitará a Casa do Cesteiro.

Exposición: Arte con tradición. Pezas elaboradas co saber

A realización dunha exposición sobre artesanía tradicional vén motivada pola necesidade de dar a coñecer ao público os elementos identitarios do producto artesanal en relación co seu entorno xeográfico e os seus valores culturais así coma os aspectos intanxibles que definen as xentes onde se produciron.

A exposición Arte con tradición: pezas elaboradas co saber integra multiplicidade de materialidades, oficios, e formas que constitúen unha testemuña de vínculo entre a natureza e a creación cultural.

Exporanse fotografías, paneis, obxectos varios como: olas, cestos,tecidos,ferramentas dalgúns oficios artesanais: tear, torno,así como a recreación de obradoiros de artesáns.

Programación didáctica

No CAT lévanse a cabo numerosas actividades de divulgación dirixidas a centros escolares e institucións nos que se oferta unha visita guiada ao centro e unha demostración en vivo con artesáns na que o alumnado e profesorado entran en contacto coas experiencias vividas por estes.

Calquera colexio que desexe participar nas actividades que oferta o CAT deberá concertar a súa visita con antelación chamando o numero de teléfono: 986 22 07 58.

Grupos aos que vai dirixido: Educación Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e universitarios.Días: de luns a xoves. Horario: de 10:00 a 11:45h .Máximo de alumnos por grupo: 30

Documental "Os cestos do Mar de Vigo"

O 18 de marzo, o CAT presentará o documental realizado pola Casa do Cesteiro sobre "Os cestos do mar de Vigo", que fóra financiado pola Deputación Provincial de Pontevedra. A presentación terá lugar no Museo do Mar de Galicia, que colaborará na difusión do documental e nas actividades complementarias.

O programa desta presentación completarase cunha mostra de cestos tradicionais da nosa ría que permanecerá no Museo do Mar durante un mes, así como con un obradoiro de demostración de artesáns, que elaborarán cestos para actividades pesqueiras e
marisqueiras, e outro obradoiro didáctico dirixido ás familias para coñecer na práctica as técnicas artesás do oficio secular da cestería.

Programa Formativo en cestería

A Casa do Cesteiro, unidade específica do CAT, tras cinco anos de traxectoria na formación da Cestería Tradicional, presenta un novo programa formativo nas máis variadas técnicas da cestería tradicional galega orientado ó desenvolvemento profesional dos participantes. A partir deste ano, a Casa do Cesteiro ábrese tamén por primeira vez, en horario de tarde, a todas aquelas persoas que queiran aprender os rudimentos deste ancestral oficio.

No ano 2005, o programa presenta como novidades unha maior variedade de cursos; estructuración en módulos que permitirán unha formación progresiva e suficiente para o exercicio artesanal profesional ( cursos en horario de mañá); establecemento de novos cursos en horario de tarde dirixidos a un público inespecífico, interesado en achegarse á práctica básica deste oficio, dende unha perspectiva máis cultural e de lecer cá profesional.
1109166962Juli.jpg
1109167107julia2.jpg
Descargar todas as imaxes