Escoitar

O Entroido 2005 ofrece como novidades o concurso de coplas e un maior número de comparsas

O concelleiro de Festas, Ignacio López-Chaves, presentou esta mañá o programa do Entroido 2005, que se desenvolverá do 4 ao 9 de febreiro. A celebración presenta como principais novidades o concurso de coplas e un maior número de comparsas.

venres, 28 xan 2005
1106922164cha.jpg
O concelleiro de Festas, Ignacio López-Chaves, deu conta esta mañá do programa de actividades do Entroido 2005, que se desenvolverá do 4 ao 9 de febreiro e cuxos gastos ascenden a uns 112.000 euros. López-Chaves dixo que estas festas "van encher de cor e de luz a nosa cidade" e desexou que nelas "prime a alegría e tamén o respecto aos demais".

Unha das novidades principais deste Entroido será o concurso de coplas. Tres grupos seleccionados antonte mostrarán o seu enxeño o venres 4 de febreiro no Auditorio do Concello. Os organizadores do concurso aseguran que non se censurou a ningún dos grupos participantes aínda que as coplas poidan non ser do agrado de todos.

Así mesmo, o número de comparsas que participarán no desfile do sábado 5 de febreiro é maior có rexistrado en 2004. En total, serán 23 as comparsas que compitan no concurso deste ano, fronte ás 19 da pasada edición.

O programa complétase con verbenas os días 5 e 8 de febreiro na Porta do Sol, o "Entroido cos nenos", que se celebrará na Praza do Rei do 6 ao 8 e contará con inchables, obradoiros e actuacións para os máis pequenos; un festival folk o día 7 na Praza da Independencia; unha degustación de postres típicos do Entroido, o día 8 tamén na Praza do Rei; e o velatorio e enterro do Meco, seguido do responso, sepelio e lectura do seu testamento.

Ademais, o Entroido deste ano chegará aos barrios da man do espectáculo circense "Picompé" e haberá unha exposición dos traballos presentados ao XIX Concurso de carteis do Entroido, do 4 ao 15 de febreiro no Museo "Quiñones de León".
Descargar todas as imaxes