Escoitar

Cinco empresas optan á execución do plan de humanización do Calvario

martes, 27 nov 2001
imx839.jpg
Maqueta do Calvario
A Mesa de Contratación do Concello de Vigo abriu as ofertas presentadas ao concurso convocado para realizar as obras do proxecto de humanización do Calvario. Son cinco as empresas que optan á adxudicación dos traballos: Arias Hermanos, Movexvial, Casas Novas, Construcciones Dios e Crespo.

O tipo de licitación do concurso é de 144.090.682 pesetas. As ofertas económicas máis baixas son as de Movexvial, 129.670.000 pesetas e a de Casas Novas, 134.724.788 pesetas. A maioría dos concursantes ofrecen a posibilidade de reducir alo menos en dous meses o prazo de execución das obras, fixado inicialmente en medio ano.

A adxudicación dos traballos farase o vindeiro mes e a obra poderá estar en marcha tralas festas de Nadal. O proxecto de humanización do Calvario prevé a remodelación da rúa Urzaiz dende o cruce dos Choróns ata a confluencia coa rúa Martínez Garrido. A reforma consistirá na ampliación das beirarrúas, a colocación dun pavimento de granito, a creación de colectores de lixo soterrados e a instalación de arborado e novo mobiliario urbano. A primeira fase do proxecto, a que se sacou a concurso, abrangue o treito de Urzaiz comprendido entre as rúas León e Aragón. Os presupostos municipais de 2002 recollerán unha partida de 150 millóns de pesetas para abordar a segunda fase.
Descargar todas as imaxes