Escoitar

Prórroga do ” Punto Informa” para mulleres

martes, 27 nov 2001
A Comisión de Goberno aprobou a prórroga do convenio de colaboración entre a Concellería da Muller e a vocalía da Muller da Federación veciñal ” Eduardo Chao” para a creación e o mantemento do ” Punto Informa”.

O ” Punto Informa” está ubicado nos locais da Federación onde se atende ás mulleres que o demanden aportándolles información xeral de interese, especialmente a que ofrece un valor a favor da igualdade de oportunidades e de prevención da violencia.

Infórmase tamén das actividades e servicios especializados en muller existentes na nosa cidade, das súas condicións de acceso e temas que atenden.

A denuncia dos malos tratos e a detección de casos serán parte das súas funcións e, cando sexa necesario, realizarán derivacións ós diversos servicios públicos para que as mulleres que o precisen reciban o asesoramento profesional oportuno.

O Pleno da Corporación Municipal aprobou o ano 2000 o ” Primeiro Plan de Acción Municipal para combatela violencia contra as mulleres”. Este plan, entre outros asuntos, propuña a creación dun punto de información para mulleres ” Punto Informa” que se establecería en colaboración coa rede de mediadoras contra os malos tratos coa que se dotou a Federación veciñal ” Eduardo Chao” en 1998.