Escoitar

A Oficina Municipal de Voluntariado aglutinará as entidades solidarias viguesas

luns, 26 nov 2001
O Plan de Voluntariado, aprobado polo Pleno da Corporación, pretende a creación dunha oficina municipal e a elaboración dunha oferta formativa para facilitarlles ás entidades de acción voluntaria a cualificación e maila asistencia técnica precisas en torno á xestión e metodoloxía das accións que realizan de forma solidaria.

A Oficina Municipal de Voluntariado creará unha estructura que aglutine as distintas entidades de acción voluntaria na cidade como un espacio de interrelación, coordenación, apoio e cooperación cara a promoción e difusión da acción voluntaria en Vigo.

Desde as concellerías de Benestar Social e Participación Cidadá preténdese darlle pulo ó voluntariado na cidade de Vigo e incentivar a cultura da solidariedade como factor de desenvolvemento sociocultural e comunitario.

A oferta formativa aplicarase a tódalas asociacións, entidades e redes cívicas co obxectivo de incentivar e dotar de cualificación o voluntariado. Centrarase tanto en temas de código ético, relación entre profesionais e voluntarios como metodolóxicos básicos de traballo en equipo, sistemas de coodenación, planificación, avaliación ou participación.

Quérense involucrar entidades como Cáritas, Cruz Vermella e Universidade e valorar as súas achegas ó plan de formación, do mesmo xeito que facer partícipe a empresa privada no plan de formación na procura de financiamento.