Escoitar

Ewa Poblocka: Obras de Bach ó piano no Festival Are-More

luns, 26 nov 2001
O Festival ARE MORE presenta de novo a unha das pianistas máis resplandecentes do panorama internacional na actualidade, Ewa Poblocka, o martes, 27 de novembro no Cine Fraga-Caixa Galicia. A concertista xa obtivo un importante éxito na súa anterior aparición no festival, o pasado sábado, na compañía do Cuarteto de Corda Leipzig. Agora faino en solitario e cun repertorio totalmente distinto ó anterior. Nesta ocasión a pianista polaca porá en escena pezas escritas para piano por Johann Sebastian Bach. Sinfonías, duetos, fantasías e unha suite en Sol Maior serán os eixes sobre os que xirará este concerto.

Ewa Poblocka está considerada, na actualidade, como a mellor pianista de Polonia. Despois de cursa-los seus estudios na Academia de Música de Gdansk, foi galardoada con algúns dos máis prestixiosos premios nos concursos de piano de Vercelli, Bordeos e Varsovia. Actuou na maior parte dos teatros e salas de Europa, Xapón, Australia e América. Entre eles, cabe salienta-lo Auditorio Nacional de Madrid, o Wigmore Hall de Londres, o Musikverein de Viena ou o Lincoln Center de Nova York.

Poblocka actuou con orquestras tan importantes como a London Symphony, a English Chamber ou o Maggio Musicale Fiorentino. Ademais das súas interpretacións en directo, a pianista obtivo un importante número de premios polas súas gravacións discográficas que, no dicir dos críticos, son das mellores que se poden escoitar na actualidade no seu xénero. Non en van gravou con multitude de selos discográficos, entre os que se atopan os de maior prestixio en música clásica como Deutsche Grammophon, Grüner&Jahr ou Víctor JVC. En 1996 obtivo o premio ó mellor disco do ano coa súa gravación do concerto para piano de Lutoslawski, dirixida polo propio compositor. En 1998 recibiu de novo o galardón, así como o premio do Polish Board of Phonography, polos seus concertos para piano de Panufnik, Lutoslawski e Szymanski. As súas gravacións máis recentes foron as Mazurcas completas de Chopin, Fantasía ou the Polish Airs Op.2, as suites completas de Bach e tódolos Nocturnos de Faure.

Ewa Poblocka ofrece tamén, nas súas xiras, concertos de música de cámara, nos que colabora con cantantes como Ewa Podles, Jadwiga Rappé ou Olga Pasichnyk, así como co Cuarteto de Corda de Silesia.

Un gran recital de piano para os numerosos amantes da música clásica interpretada con este instrumento.


BIOGRAFÍA

PROGRAMA