Escoitar

As participantes do proxecto Alicerce realizarán 120 horas de prácticas en entidades de terceira idade e discapacidade da cidade

As primeiras 15 mulleres desempregadas e participantes no proxecto Alicerce realizarán 120 horas de prácticas en empresas da terceira idade ou discapacitados da cidade, en virtude do acordo asinado pola concelleira de Desenvolvemento Local, Lucía Molares, con ditas empresas.

luns, 18 out 2004
1098105890alicerce.jpg
A Concelleira de Promoción Económica e Desenvolvemento Local do Concello de Vigo, Lucía Molares, asinou os convenios de colaboración coas diferentes empresas e entidades do sector de atención a persoas maiores e discapacitadas, onde as primeiras 15 mulleres desempregadas que se están a formar no Proxecto Alicerce como Animadoras en terceira idade e discapacidade realizarán as súas prácticas profesionais. Estas prácticas, cunha duración de 120 horas, se desenvolverán ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro e o seu obxectivo e o contacto laboral das alumnas co sector no que se pretenden inserir, así como fomentar pautas de traballo necesarias para unha boa execución laboral.

As primeiras entidades colaboradoras neste proxecto, promovido pola Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego son :

- Euroresidencias Vigo
- Centro de día "Parque de Castrelos"
- Aspanaex
- Fundación IgualArte
- Asociación Síndrome de Down
- APAMP: Asociación de pais de minusválidos da provincia de Pontevedra
- Centro residencial Bembrive (Quavitae)

Para o seguimento desta fase de prácticas o proxecto conta cunha titora que apoiará tecnicamente as alumnas en coordinación cos centros.

O director de Euroresidencias Vigo, Luis Barros, valorou moi positivamente o convenio ao resaltar as gañas de traballar e a ilusión que traen as mulleres en prácticas, ademais da súa boa preparación. Luis Barros comentou que a actitude é fundamental cando se traballa con maiores ou discapacitados e se faia a empatía ou o "feeling" cos pacientes, o traballo non funciona.

O proxecto Alicerce, que iniciou as súas actividades no mes de marzo é unha iniciativa promovida pola Concellaría de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Vigo e que conta cunha axuda económica no marco da Subvención Global do Fondo Social Europeo. O proxecto pretende reforzar os servicios de atención a persoas no Concello de Vigo a través da cualificación de desempregados nos campos de mediación intercultural, adiccións e conductas de risco, animación en terceira idade e discapacidade, así como formar e acompañar no deseño e posta en marcha de proxectos empresariais.

O proxecto conta cun orzamento total de 843.147,87 euros, dos que o 70% son subvencionados polo FSE e o 30% veñen da contribución municipal.
Descargar todas as imaxes