Escoitar

Xuventude de Vigo lanza o Campamento Tempo Libre na Beiramar, toda unha aventura inspirada no mundo mariño

O Campamento, dirixido aos rapaces e rapazas de entre 7 e 12 anos, terá lugar en dúas quendas con 30 cativos cada unha: do 16 ao 20 de agosto e do 23 ao 27 de agosto. O horario de actividades dará comezo ás 10.00 horas e rematará ás 18.00 horas.

xoves, 12 ago 2004
Co obxectivo de aproveitar a condición de Vigo coma cidade costeira para facer outras propostas alternativas, a concellería de Xuventude que dirixe Lucía Molares, presenta o Campamento Tempo Libre na Beiramar. Unha iniciativa dirixida aos nenos e nenas de 7 a 12 anos que desexen aprender da man dunha actividade que lles permita voltar a casa tódolos días.

O Campamento Tempo Libre na Beiramar, se celebrará na Asociación de Veciños de Bouzas e se realizará en dúas quendas, dunha semana aproximada cada unha. A primeira delas dará comezo o vindeiro luns 16 e rematará o venres 20 de agosto. A segunda, pola súa parte, comprende as datas do 23 ao 27 de agosto.

Cada día, ás dez da mañá, o equipo de monitores recibirá aos participantes, un total de 30 cativos por quenda, para comezar a xornada de actividades, todas elas encamiñadas ao achegamento ao mundo mariño, con propostas coma o remo, a pesca con cana ou o piragüismo.

Os obradoiros tamén terán un lugar de excepción neste campamento e neles os cativos aprenderán a facer, entre outras cousas, nós mariñeiros e haberá, incluso, unha actividade de iniciación á fotografía co fin de inmortalizar o evento.

Os xantares, que levarán os propios nenos dende casa, faranse na praia, onde os participantes terán a ocasión de tomar un baño e, como non, de xogar cos compañeiros. Ademáis, farase algunha visita a unha conserveira para coñecela por dentro.

Os días de chuvia, as actividades serán máis ben de interior, con obradoiros e xogos educativos, para dar por finalizada a xornada ás seis da tarde.

O prezo do campamento será de 42 euros.