Escoitar

Os nenos e nenas das ludotecas de Vigo divírtense en maio

A punto de rematar as clases, miles de nenos e nenas xa teñen un espacio habitual de xogos e compañeiros nas ludotecas das distintas zonas de Vigo. Só hai que achegarse a unha delas e facerse socio con levar unha foto e moitas ganas de aprender e pasalo ben.

martes, 4 mai 2004
Para este mes e na espera da programación especial de verán, hai actividades en torno ó libro dos records na ludoteca de Coruxo. A segunda será unha quincena máxica, na que os e as usuarias aprenderán a realizar sinxelos trucos de ilusionismo.

O mundo da comunicación estará presente na ludoteca de Coia, chegando a realizar entre os nenos que acuden non só un xornal senón tamén unha radio e unha televisión para todos os públicos. Pero aproveitando o bo tempo que poida comezar a facer é moi posible que trasladen a súa unidade móbil á praia de Samil.

Parece que o bo tempo invita máis que nada ás propostas a realizar ó aire libre, e non queren perder esta visión as monitoras e monitores da ludoteca de integración do Calvario, que pensan sacar a todo o mundo a disfrutar de xogos no exterior: mariquitiña de quita e pon, xogo de puntería e xogo de boccia son algunhas das propostas. Celebran así a chegada do mes de maio e teñen tamén prevista a visita sorpresa dos piratas alá para últimos de mes.

Auténticos artistas é o que se van voltar na ludoteca de Lavadores, porque van desenvolver técnicas de pintura da categoría da acuarela e o gravado, e incluso a observación detallada dos cadros e unha pequena aventura de investigación e astucia leva a rapaces e rapazas arredor do mundo da arte neste mes. Verémolos no Marco nunha saída prevista e no futuro poida que expostos nas paredes deste museo.

Pero xa que chega maio florido e fermoso é a ocasión perfecta para situarse no entorno máxico do bosque, entre fadas e trasnos na ludoteca da Casa da Xuventude. Un bo duende debe aprender a cociñar receitas élficas, aplicar os primeiros auxilios e a orientarse polo bosque cun xogo de pistas. E por se fora pouco tamén se prepara para unha festa de disfraces. Calquera momento é bo para xogar a ser outros.

Ludotecas

O xogo é imprescindible para o correcto desenvolvemento físico, psíquico e emocional dos nenos e nenas, axundándolles a forxar e reafirma-la súa personalidade. As ludotecas constitúen un recurso necesario e complementario á escola para o tempo de lecer infantil. Son centros recreativo-culturais nos que se desenvolve un importante labor educativo, onde os nenos e as nenas fan amigos, reláxanse e divírtense á vez que seguen aprendendo cousas. Á fronte destes centros traballan ludotecarios que orientan, axudan e fan compañía aos cativos, ademais de contar co material lúdico adecuado para que os nenos lle saquen o maior partido o seu tempo libre.

As ludotecas son servicios municipais dos que poden beneficiarse gratuitamente todos os nenos e nenas entre 7 e 12 anos, facendose socios.

O Concello conta con cinco ludotecas que programan cada mes distintas actividades:

Ludoteca da Casa da Xuventude
Casa da Xuventude, rúa López Mora, nº 3/36211 Vigo

Ludoteca de Coia
Pavillón Polideportivo, avda. de Castelao s/n, 36209 Vigo

Ludoteca de Lavadores
Asociación de Veciños de Lavadores, rúa Ramón Nieto, 302/36205Vigo

Ludoteca de Coruxo
Colexio A Paz Tintureira, Estrada Fragoselo, 28/36331 Vigo

Ludoteca de Integración
Rúa Sagunto, nº86/36205 Vigo