Escoitar

A Comisión de Vía Urbana aposta pola prevención no fenomeno do "botellón"

A comisión de Vía Urbana decidiu unha serie de medidas de traballo conxunto ó respecto da problemática aparellada ao fenómeno do "botellón" e coma resultado das xuntanzas mantidas nos últimos meses.

martes, 13 abr 2004
A Comisión decidiu apostar pola prevención, tanto dos consumos problemáticos como das conductas antisociais polo que acordou o mantemento de programas de educación de rúa coma os desenvolvidos en colaboración con entidades da cidade. Tamén determinouse continuar e ampliar os proxectos de prevención realizados en colaboración coas entidades do Plan Local sobre Drogodependencias e outras adiccións, en centros educativos, con pais...

A Comisión de Vía Urbana resolveu o inicio de liñas de traballo intermedias entre os programas educativos e de lecer alternativo, como o programa de Mediadores Xuvenís, no artellamento de estratexias máis cercanas ós xoves e de demostrada experiencia.

Outros aspectos de traballo da Comisión pasan por reforzar as propostas de lecer alternativo, particularmente de fin de semana, dirixidas ós máis novos, coma os programas Noites Vivas así como aproveitar o interese espertado nas entidades xuvenís por ser partícipes das iniciativas que se poñan en marcha motivadas polo fenómeno do "botellón", contando con elas en proxectos concretos.

Reforzar a limpeza dos lugares de encontro xuvenil nocturno, cunha brigada que vele porque estes lugares estean en condicións de uso e aproveitamento nos horarios diúrnos inmediatos a aqueles encontros e poñer os medios adecuados para que os propios xoves poidan manter limpos os lugares de encontro, coa disposición de contedores adecuados, son outras das propostas de traballo estudiadas na Comisión de Vía Urbana.

Por último acordouse tamén a redacción e publicación dun bando que recolla a necesidade de cumprir a normativa relacionada co disfrute dos bens públicos , que se eviten actos vandálicos e outras conductas de carácter antisocial que afecten á convivencia.