Escoitar

Vigo será a sede da Escola Superior de Arte Dramático e terá ciclos formativos de Imaxe e Son

O conselleiro de Educación, Celso Currás, anunciou hoxe que Vigo será a sede da Escola Superior de Arte Dramático e contará con ciclos formativos de Imaxe e Son. A alcaldesa, Corina Porro, destacou a importancia da instalación na cidade tanto dos ciclos formativos como da Escola de Arte Dramático e, en referencia esta última, insistiu en "supón unha excelente noticia para Vigo, xa que tódolos xoves poderán ter unha formación regrada en interpretación".

venres, 26 mar 2004
O Concello de Vigo, a Consellería de Educación e a Universidade de Vigo colaborarán na posta en marcha da Escola de Arte Dramático, para a que se baralla a súa localización no Campus da Universidade, xa que, segundo a alcaldesa, "ten unhas excelentes instalacións, ademais de contar cun auditorio".

Corina Porro manifestou que Vigo "necesita máis formación superior de carácter humanista, e a escola vai cubrir este espacio". A alcaldesa dixo ademais que "esta cidade é o lugar idóneo para asentar a Escola de Arte Dramático, non só por ser a primeira cidade de Galicia, senón por ser a cidade con máis crecemento demográfico".

"Doutor Fleming"

Por outra banda, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, acompañado pola alcaldesa de Vigo, Corina Porro Martínez, presidiu hoxe en Vigo a colocación da primeira pedra das obras de construcción do CPI "Doutor Fleming", gracias as cales poderá adecuarse proximamente ás necesidades da comunidade educativa da zona.

As obras de construcción deste novo edificio foron posibles gracias á sinatura dun convenio, en outubro do ano pasado, entre a Administración Educativa e o Concello de Vigo. As obras suporán un custo de 2.172.232,82 euros e prevese que estean finalizadas o vindeiro mes de setembro. Ademais, investiranse un total de 117.203,13 euros no proxecto e no equipamento do centro.

A distribución arquitectónica intentarase que sexa o máis funcional posible co fin de atender ás necesidades que se esixen para a zona. O centro contará con catro plantas. No baixo construiranse, entre outros departamentos, 2 aulas (a de informática e a de música), a biblioteca, o ximnasio e a vivenda do conserxe.

A planta primeira albergará a zona de administración e conserxería así como a cociña, o comedor e a sala de profesores. Na segunda planta haberá 17 aulas (15 normais e 5 para grupos máis pequenos) e no último andar distribuiranse en total 15 aulas (3 das cales son de menor capacidade), 2 locais para titorías e o despacho de orientación. En total construiranse 4.575,15 m2 dos que 4.026,60 m2 son superficie útil.

O antigo centro "Doutor Fleming" tiña 477 alumnos matriculados que se repartían en 24 unidades. Mentres transcorran as obras de construcción das novas instalacións educativas, estes escolares estarán repartidos entre un aulario prefabricado que se atopa anexo ó que era o antigo colexio e, por outra parte, no CEIP "Virxe do Rocío" de Bouzas.