Escoitar

O pintor Freijeiro creou os galardóns dos vigueses distinguidos

A alcaldesa, Corina Porro, presentou o galardón que premiará o labor das persoas e institucións homenaxeadas este ano como Vigueses Distinguidos e que se entregará no decurso do acto oficial que organiza o Concello o próximo sábado 27 de marzo no centro cultural Caixanova. O obsequio é unha mariña pintada polo artista vigués Rafael Freijeiro.

xoves, 25 mar 2004
1080225575galardon.jpg
Freijeiro e Porro
En total son oito pezas cada unha diferente e están elaboradas en acrílico sobre papel prensa, nun estilo expresionista con tintes impresionistas. As obras representan rincóns reais ou reinventados da Ría de Vigo, portos románticos do século XIX, pasando pola Illa de Toralla ou a ponte de Rande.

Rafel Freijeiro

Comeza a debuxar case instintivamente, a moi temperá idade, probablemente alentado polo seu pai, bo debuxante, poeta, persoa de acusado espírito artístico. Non obstante, considérase autodidacta.

A súa inicial participación en mostras de arte fíxoa na denominada Arte Xoven Galega, en Vigo, e ó ser seleccionado entre unha amplísima concorrencia de noveis sentiuse estimulado a continuar pintando. Vencéllase ó colectivo Assi, reunión de artistas novos no barrio antigo vigués, co que leva a cabo a súa primeira exposición individual en 1992. Inquedo, segue a buscar modos de darse a coñecer e participa en certames en toda Galicia e salta a Portugal. Envía obra a concursos de Granada e Toledo. Entre tanto, prosegue as súas mostras persoais, en Vigo, Madrid, A Coruña, Tui, Pontevedra e Ourense.

A súa pintura forma parte de coleccións institucionais de Galicia, Madrid, Ourense, Pontevedra e Portugal. Atráelle o mural, que realiza, coa súa peculiar dinamicidade e cromatismo case exultante, en establecementos públicos; dalgún deles chega a ser emblemático.

Antes de centrarse nun expresionismo sinóptico, que vai muando progresivamente, na busca dunha esquematicidade moi lírica, pasa por etapas de pura abstracción nas que lle preocupa a materia. Aproxímase ó "Pop", se ben unha tradición dilatada que pode ter raíces en Goya e continúa en artistas tan diversos como Turner, os postimpresionistas, especialmente Cezánne. Chagall e os expresionistas alemáns de entreguerras, en concreto Grosz, aínda que en definitiva estea moi lonxe da acritude case cáustica do xermano.

Indubidablemente, o mundo do "cómic" está presente na obra deste artista vigués, aínda que como punto de partida, para expresións nas que latexa un barroquismo de signo vitalista, tarefa que aínda non acometeu, pero na que sen dúbida acadaría expresións moi persoais, xa que nos seus ámbitos están como compartimentados no conxunto firme, abigarrado, case avasalador das súas superficies planas, en azuis, carmíns, marelos, contornados por liñas negras de trazo moi firme. A cotío, inscribe neses grafismos obxectos determinados e concretos, a modo de imaxinarias "colaxes".

Latexa na pintura de Freijeiro, e ás veces está explícita unha intención social e ata panfletaria, sen que por isto se quede na mera anécdota. Ironía, suxestión caricaturesca, si, pero anegada de tenrura, de amabilidade. Os seus seres son esquemáticos, de miradas ausentes ou alucinados, e as súas paisaxes chegan ó frontalismo muralista de maneira deliberada, anegante, como na gran pintura mexicana.

Nas súas últimas mostras presentou bodegóns nos que esa densidade definidora está superada, para ser moito máis esquemático, acentuando o seu lirismo implícito, coa referencia de Matisse.
Descargar todas as imaxes