Balaídos avanza na nova bancada de Gol coa instalación do cuarto tramo da cuberta
Caballero destaca o ritmo das obras, que permitirán alcanzar os 31.000 asentos no estadio a finais deste ano.
O alcalde avanzou que este mércores se instalará o cuarto dos 16 tramos da malla elevada que sostén a cuberta da nova bancada de Gol do estadio municipal de Balaídos. “Seguimos a moito ritmo”, sinalou o rexedor sobre a evolución dos traballos.
Caballero explicou que xa están colocados tamén os asentos da bancada baixa de Gol e que, unha vez rematada completamente a actuación a finais deste ano, esta bancada contará con capacidade para 7.000 espectadores. Balaídos alcanzará así un aforo total de arredor de 31.000 asentos.
Paralelamente, o Concello continúa cos traballos vinculados á ampliación do estadio de cara ao Mundial de fútbol de 2030. O alcalde sinalou que xa se está actuando na bancada de Tribuna coa retirada dos antigos colectores, uns traballos que, segundo indicou, tamén avanzan “a bo ritmo”.