O Concello realizou preto de 1.000 actuacións de limpeza en parcelas para previr incendios
Abel Caballero destaca a intervención subsidiaria en 547 parcelas das faixas secundarias e outras 438 en solo urbano.
O alcalde informou de que o Concello leva realizadas este ano preto de 1.000 actuacións en parcelas nas que foi necesario acometer traballos de limpeza e mantemento. En concreto, o Concello actuou de maneira subsidiaria en 547 parcelas situadas nas faixas secundarias de xestión da biomasa, ante a falta de actuación dos seus propietarios, ás que se suman outras 438 parcelas en solo urbano. “Cando os propietarios non actúan, facémolo desde o Concello”, sinalou.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou a contratación do servizo de retirada e xestión dos residuos vexetais xerados no parque do Castro, cun importe de 20.000 euros e vixencia durante 2026, 2027 e os primeiros meses de 2028. O contrato permitirá realizar a recollida selectiva, transporte e valorización da importante cantidade de restos vexetais producidos como consecuencia dos labores de coidado, conservación e mantemento deste espazo verde.