O Concello inviste 935.000 euros na humanización da rúa Laxe e na renovación dos locais de Carral
Abel Caballero avanza o inicio das catas arqueolóxicas e destaca unha intervención para gañar espazo público e mellorar a imaxe destas céntricas rúas.
A intervención céntrase, por unha banda, na reordenación integral da rúa Laxe, que permanecerá pechada ao tráfico durante aproximadamente un mes, e, por outra, na mellora estética e estrutural dos locais municipais de Carral, xa nun ámbito previamente humanizado.
Segundo explicou o rexedor, a actuación en Laxe busca transformar unha rúa con forte pendente nun espazo máis accesible e aproveitable para a cidadanía. Para iso, crearánse tres plataformas horizontais que permitirán a instalación de terrazas, zonas de descanso e espazos verdes. O proxecto inclúe tamén a renovación do mobiliario urbano e das redes de servizos, como saneamento e abastecemento.
No caso da rúa Carral, o Goberno local acometerá a reforma integral das fachadas dos locais municipais, co arranxo das patoloxías existentes e creando unha nova envolvente cun deseño “orixinal”, en formato zigzag. Os locais, unha vez reformados, destinaranse a usos municipais como almacéns.
Caballero sinalou que esta actuación permitirá “darlle á rúa Carral a dignidade que merece”, mellorando a súa imaxe urbana nun dos ámbitos comerciais do centro.