Escoitar

O alcalde celebra que a RFEF vaia a trasladar á FIFA a candidatura de Vigo para ser sede do Mundial 2030

Abel Caballero urxe á Federación que comunique oficialmente ao Concello a candidatura de Vigo tras coñecer a súa predisposición de presentar a candidatura de Vigo á FIFA a través dos medios de comunicación. “Chega con dous anos de atraso”, recriminou.

xoves, 26 mar 2026

Abel Caballero celebrou como “unha gran noticia” que a Real Federación Española de Fútbol aposte por Vigo como sede do Mundial 2030, aínda que advertiu de que a cidade chega ao proceso “con case dous anos de atraso” respecto doutras candidaturas.

O alcalde subliñou que, polo momento, toda a información coñecida procede dos medios de comunicación e reclamou que a Federación se dirixa “de forma inmediata e oficial” ao Concello para confirmar a designación e establecer unha folla de ruta clara. “Urxe unha reunión para coñecer protocolos e actuacións, porque ata agora non nos comunicaron nada”, afirmou.

A pesar do atraso xerado pola Real Federación Española de Fútbol no proceso de selección, o alcalde asegurou que Vigo conta cun “proxecto imbatible” e está en disposición de cumprir cos requisitos da FIFA. Neste sentido, destacou o avance das obras no Estadio de Balaídos, especialmente na grada de Gol, que “vai incluso máis rápido do previsto”. Ademais, anunciou que en breve comezará o traslado do colector situado diante da grada de Tribuna, cun investimento de arredor de 3,5 millóns de euros, paso previo á execución definitiva da nova grada.

O rexedor lamentou que a candidatura viguesa non fose impulsada antes pola Federación, o que permitiría contar con máis tempo para executar as reformas. “Se o comunicasen desde o principio, xa teriamos parte do camiño feito”, sinalou. Tamén criticou a falta de colaboración da Xunta e da Deputación no financiamento dalgunhas actuacións clave.

Caballero agradeceu expresamente o apoio do Goberno de España, en particular da ministra Milagros Tolón e do Consello Superior de Deportes que, segundo lembrou, xa defenderan hai tempo a candidatura de Vigo. O alcalde concluíu destacando o valor histórico da designación: “Vigo será unha cidade bimundialista”. Tras acoller partidos no Mundial de 1982, a cidade prepárase agora para formar parte do Mundial 2030.

Descargar todas as imaxes