A Noite Branca dos museos celebrarase o 26 de xuño
O goberno local abre mañá as bases que regulan a selección das actividades do programa, que se desenvolverá nos museos e espazos expositivos da rede de museos do Concello de Vigo. Caballero explicou que o obxectivo é que “as actividades sexan as mellores que houbo nunca”.
O alcalde de Vigo desvelou esta mañá que “a Noite Branca dos museos en Vigo vai ser o venres 26 de xuño”. Nesa xornada os museos municipais serán visitables desde as 20h ata a 1 da madrugada, o que Caballero sinalou como “unha apertura extraordinariamente importante”.
Ademais, avanzou que o goberno local abrirá mañá as bases que regulan a selección das actividades do programa, que se desenvolverá nos museos e espazos expositivos da rede de museos do Concello de Vigo. As actividades que que se poden propoñer terán unha duración máxima de entre 60 e 90 minutos, dirixidos a todos os públicos e o custo de cada actividade terá que ser como máximo de 3.000 €. As actividades van enfocadas para o museo Quiñones de León, Museo de Castrelos, os xardíns históricos de Castrelos, a Pinacoteca Fernández del Riego, Casa das Artes, Casa Galega da Cultura e o Verbum. Caballero explicou que o obxectivo é que “as actividades sexan as mellores que houbo nunca”.