A Xustiza recoñece o dereito do Concello a recuperar o local do Casco Vello para a oficina de rehabilitación de vivendas
O xulgado do contencioso administrativo número 2 ditou este martes a sentenza que desestima o recurso presentado pola Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao e que ratifica a legalidade do acordo do Goberno municipal de Vigo de extinguir o dereito de uso do local situado na segunda planta do edificio do número 7 da Praza da Princesa por parte da organización veciñal.
Abel Caballero explicou que a sentenza dá a razón ao Concello, “no fondo e na forma”, na decisión de finalizar o uso do local da rúa Princesa por parte da organización veciñal e recoñece o dereito da administración municipal a utilizar as instalacións como sede da oficina municipal de rehabilitación de vivenda. “Razón categórica ao Concello que imos ocupar ese local para temas urbanísticos”, recalcou o rexedor.
O alcalde destacou que a sentenza recolle, literalmente, que "apoia a plena conformidade a dereito da decisión municipal e desestima íntegramente a demanda presentada" e que, ademais, ratifica que a vía contencioso administrativa é a competente para este caso por tratarse dun convenio e non dun contrato como afirmou a FAVEC.
Caballero indicou que na cláusula 1.5 do convenio asinado entre o Concello e a Federación Veciñal establece que, entre outras causas, “a reclamación do ben feita polo Concello cando, por motivo de interese público municipal, así o requira, e previa reclamación á entidade usuaria cunha antelación mínima de tres meses”.
A sentenza establece que a reclamación do Concello é adecuada a dereito por basearse no interese público, ao estar destinada para a oficina municipal de rehabilitación pública.
O alcalde destaca que o texto xudicial recolle que “considero que todas as razóns expostas polo Concello son cabais e bastantes para sustentar unha decisión extintiva como a que se adoptou” e que “non se sostén a acusación de desviación de poder que se reprocha á decisión do Concello por parte da Federación Veciñal porque se acordou polo órgano competente."
“Estamos en uso de todo o dereito. Tiñamos razón e a Federación Veciñal fixo unha reclamación improcedente e que non se sostén”, afirmou o alcalde ao apuntar que a xustiza volve dar a razón ao Concello.