O goberno local “apura” a tramitación para avanzar no IES de Navia
O goberno local aprobou de xeito definitivo a reparcelación do polígono 2 de Navia, un trámite administrativo que non se fixo antes pola inacción da Xunta durante máis dun ano. Caballero criticou a actitude do Goberno autonómico respecto desta dotación educativa dado que “incumpre o convenio, non adica o orzamento pactado e actúa con lentitude”.

O Concello segue “apurando” a tramitación para a construción do instituto de Navia. De feito, esta mañá aprobouse definitivamente a reparcelación do polígono 2 de Navia, o que permitirá ao IGVS inscribir as parcelas resultantes no Rexistro da Propiedade e no Catastro.
Tal e como explicou Abel Caballero, o ámbito é de 106.361 m2, dos que 21.984 m2 son para equipamentos; 35.335 m2 para viario; 10.570 m2 son zonas verdes e espazos libres, nun total de 16 parcelas de cesión obrigatoria e gratuíta ao Concello. Nunha desas parcelas dotacionais, precisou o rexedor, será na que se constrúa o novo centro educativo.
O alcalde contrapuxo a actitude da Xunta que “está tratando de atrasar o máximo o proxecto” coa do Goberno local que está a axilizar ao máximo a tramitación porque “non nos van parar e imos obrigarlles a construír o instituto”. Caballero abundou nas críticas ao Goberno autonómico respecto desta dotación educativa dado que “incumpren o convenio, non adican o orzamento pactado e actúan con lentitude”.