O alcalde anuncia unha ampliación do orzamento de 6,1 millóns para 5 obras
O aparcadoiro de Matamá, a humanización do ámbito de Progreso, a estrutura e peonalización do acceso á ermida da Guía, a humanización de Doutor Carracido e as escaleiras mecánicas de acceso ao parque Finca Matías. “Anunciarei outras 65 obras nos próximos días”, dixo Caballero.

O alcalde anunciou novos investimentos na cidade por valor de 6,1 millóns de euros. Son as primeiras cinco actuacións das 70 que o goberno local levará adiante cunha ampliación do orzamento.
O Concello dedicará 1.175.000 euros ao aparcadoiro de Matamá, 1.200.000 euros á humanización do ámbito de Progreso, para a estrutura e peonalización do acceso á ermida da Guía 645.000 euros, serán 780.700 para a humanización de Doutor Carracido e 2.300.000 para as escaleiras mecánicas no parque Finca Matías, entre Travesía e Aragón.
“Imos facer isto e 65 rúas adicionais, amais das 350 que xa temos anunciadas”, afirmou. Caballero puxo en valor que o goberno local aprobe estas obras “sen un céntimo de débeda” e puxo en valor que “somos un modelo de investimento e xestión”.