Escoitar

A humanización de Lepanto completará a transformación da contorna de Vialia

O alcalde participou hoxe na colocación da primeira pedra da obra de humanización da rúa Lepanto, que conta cun orzamento de 1 millón de euros e que supoñerá unha renovación “integral” desta vía.

martes, 24 xuñ 2025

A humanización de Lepanto bota a andar cun prazo previsto de execución de 10 meses nos que se transformará esta “rúa de peso en termos de cidade e de turismo porque é o nexo de unión coa estación e conta con moitos hoteis” explicou o rexedor, que apuntou ademais que se plantarán árbores, das que carece a vía na actualidade.

Para Caballero será “unha humanización acorde con Vialia, coa praza da antiga estación” nunha vía “que nos faltaba” e que “forma parte dun núcleo clave da cidade” que completará a transformación da contorna de Vialia. Ten un orzamento de 1.049.000 euros e permitirá actuar nunha superficie total de 2.570 metros cadrados. 

As actuacións inclúen a renovación íntegra da pavimentación actual, tanto das beirarrúas como da vía, e dos principais servizos urbanos. Haberá iluminación con 19 novos puntos de luz, novas redes de saneamento e abastecemento, tres novos semáforos, plantaranse 22 árbores en ambas as beirarrúas e 120 especies arbustivas e instalarase nova rede de rega. Amais, renóvase todo o mobiliario urbano con 3 bancos, 6 papeleiras e 8 contedores.

Descargar todas as imaxes