Escoitar

Reabre provisionalmente ao tráfico peonil a conexión entre as rúas Hernán Cortés e Colmeiro Laforet

O Concello reabre hoxe provisionalmente só aos peóns o paso no tramo da rúa Colmeiro Laforet, pechado nos últimos meses polas obras de urbanización que se desenvolven no ámbito de María Berdiales e Hernán Cortes, onde se constrúe unha praza pública de 817 metros cadrados.

mércores, 11 set 2024

Abel Caballero anunciou este mércores o avance nas obras da urbanización da nova praza en construción na zona entre as rúas María berdiales, Hernán Cortes e Colmeiro Laforet que permitirán a apertura ao tráfico peonil, a partir de hoxe e de xeito provisional, do tramo que tamén conecta con Simón Bolívar.

O alcalde incidiu en que a reapertura do paso é exclusivamente para o tránsito de peóns, e que o Concello instala unha nova sinalización indicando a restrición de uso para o tráfico rodado.

“Está a facerse unha obra de rexeneración dunha zona na cidade que estaba moi deteriorada” e que vai proporcionar un área de 1.776 metros cadrados, con dous edificios de 63 vivendas e unha praza pública de 817 metros cadrados, indicou o alcalde.

Caballero remarcou que, finalizada a urbanización, estableceranse as restricións das zonas semipeonis. “É unha zona sen practicamente prazas e zonas verdes onde estamos a facer unha nova praza nunha área moi consolidada da cidade”, afirmou Caballero.

Descargar todas as imaxes