Escoitar

O alcalde destaca a vocación por seguir facendo de Vigo unha fábrica de música co programa da Orquestra Clásica

Os sete concertos programados entre setembro de 2024 e maio de 2025 pola Orquestra Clásica de Vigo para continuar coa conmemoración do seu 40 aniversario consolidan a vocación do goberno municipal de “seguir facendo de Vigo unha fábrica de música”, e unha “lanzadeira de talento”, asegurou este martes Abel Caballero.

martes, 10 set 2024

O alcalde presentou hoxe, coa primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, e os directores técnico e artístico, Manuel Martínez Torres e Manuel Martínez Álvarez-Nava, o programa co que a Orquestra Clásica de Vigo completará, entre setembro e maio de 2025, a conmemoración de catro décadas de concertos e promoción musical.

Os sete concertos programados para o próximos nove meses no Auditorio Municipal de Vigo, a Colexiata, o Cinema Salesianos, e o Teatro García Barbón, foron recoñecidos por Abel Caballero pola “capacidade” do director da Orquestra Clásica para promocionar a música e a intérpretes de Vigo.

Durante os 40 anos de actividade a orquestra interpretou 520 obras distintas nas que participaron un total de 655 instrumentistas e 145 solistas, segundo detallou o director artístico, Manuel Martínez, ao destacar a aposta permanente polos solistas de Vigo e da súa área e por contar coa presenza de músicos de proxección internacional.

Martínez incidiu na “oferta estable” que realiza a Orquestra Clásica na programación cultural da cidade, así como na fixación de entradas a prezos alcanzables para conseguir a máxima afluencia de espectadores.

Programa

  • Sábado, 21 de setembro: Concerto da sección de vento da orquestra con obras de Richard Strauss e Antonín Dvorák.
  • Venres, 11 de outubro: Banda sonora da película “Batman”.
  • Domingo 29 de decembro: Tchaikovsky e Rachmaninof.
  • Venres, 10 de xaneiro 2025: Concerto benéfico en favor de Discamino.
  • Venres, 21 de febreiro: Concerto de Hayden.
  • Mércores, 12 de marzo: Mozart e Respighi.
  • Sábado, 10 de maio: Beethoven
Descargar todas as imaxes