Caballero anima á cidadanía a gozar das actividades da "Noite branca" nos museos municipais
Abel Caballero convidou hoxe á cidade a participar na "Noite Branca" que se celebrará a partir das oito da tarde en todos os museos municipais e que contará con actividades gratuítas dirixidas ao público de todas as idades. “Quero que todo Vigo acuda a gozar da Noite Branca”, afirmou.
Desde as 20:00 horas desta tarde ata as 02.00 horas da madrugada todos os museos municipais de Vigo serán escenario da “Noite Branca” e despregarán unha programación especial deseñada para os asistentes de todas as franxas de idade. Así o avanzou o alcalde ao explicar que están previstos concertos, teatro, visitas guiadas, talleres, contacontos . “Todo o que un pode imaxinar vai atopalo nos museos do Concello de Vigo”, recalcou.
Caballero explicou que a inauguración terá lugar esta tarde ante o Museo Marco.
Actividades
O Museo de Castrelos contará cun taller de cerámica castrexa de 20:30 a 22.00h. Tamén haberá visitas guiadas cada hora desde as 20 ás 23 horas e libres de 20.00 horas a 2 da madrugada. Nos xardíns de Castrelos están previstas vistas para público de 8-14 anos, así como outra guiada ao xardín histórico, ademais de música e danza na parte dianteira con Neonymus “ritos do esquecemento e memorias prehistóricas” ás 00 horas. Tamén haberá música polifónica con danza contemporánea e performance apoiada en videoproxeccións.
A Pinacoteca Francisco Fernández del Riego conta coas visitas guiadas: “O teu rostro na multitude. As miniaturas do Legado Policarpo Sanz e Irene Ceballos”; A nova colección Colmeiro. Suma a isto maxia con ilusionismo de vangarda con Pedro Volta. No exterior haberá animacreques con "Catropés", zancos e danza nunha proposta de animación e intervención na rúa.
A Casa das Artes desprega unha ampla oferta con contacontos: “Sentido emocións” ás 20 h, así como con visita libre ás exposicións: Colección Luis Torras e Fundación Laxeiro. Ademais están previstos os talleres: “Laxeiro e os seus personaxes” ; “Imposibles” e a peza teatral “A libraría máxica” ás 22:30 horas . A oferta complétase con música: “Xogo de espellos”, de Javier Otero Neira, para público adulto con música para piano electrónica e orquestra.
A Casa Galega da Cultura ofrece visita libre de 20 a 2 ás exposicións: [Bi]Sions. Dúas miradas sobre Vigo; fotografías de Antonio Gutiérrez e Jorge Lens.
O Verbum contará coa intervención artística de arte urbana de Tamara Baz no exterior do museo. Suma a isto os obradoiros: “Marabillas xiratorias. Taller de xoguetes ópticos" ás 21 horas; “Vestir na Idade de Ferro”, taller de vestimenta castrexa. Ás 20.00 horas está programada a obra de teatro “Pum! Pum! Quen hai?”. Ás 00.30 presentarase “O cuarto dourado”, novo disco do vigués Carlos Gil e de Cora Velasco.
En Villa Solita, a partir das 21.00 horas, terá lugar “Concerto de Dúbida”. O Museo Marco ofrece visitas guiadas ás exposicións de Daniel Verbis, Bosco Caride, Laía Argüelles e On The Table.