O Concello garante ao Celta o uso do estadio de Balaídos ata 2080 coa cesión dunha parcela na grada de Río
O presidente de Zona Franca anunciou o acordo adoptado hoxe polo pleno do Consorcio, polo que o Concello de Vigo ampliará durante 49 anos, a partir de 2031, o dereito de superficie dunha parcela sobre a que está asentada a bancada de Río do Estadio Municipal de Balaídos. A decisión é un dos pasos previos á sinatura do convenio co Real Club Celta, que "terá un longo prazo de vixencia", como indicou o rexedor.
O alcalde e presidente do Consorcio de Zona Franca, Abel Caballero, explicou este mércores que o Concello contará ata 2080 co dereito de superficie da parcela propiedade de Zona Franca sobre a bancada de Río. Segundo detallou, o obxectivo da prórroga é que o acordo a asinar co Real Club Celta “sexa de longo prazo para a utilización do estadio de Balaídos".
“Durante máis de medio século o Concello seguirá contando co dereito de superficie no solo da bancada de Río e permítenos acelerar a redacción do convenio co Celta”, afirmou o rexedor ao incidir en que o acordo garante un “longo prazo” de uso do estadio.
Caballero recalcou que o goberno municipal quere “que o Celta siga sendo un gran equipo” e que siga utilizando, “como o fixo ao longo de toda a súa historia”, o estadio de Balaídos.