O programa municipal de arte urbana ábrese á colaboración cidadá cun mural en Coia
As persoas que queiran participar no pintando dun mural en Coia deben inscribirse antes do vindeiro mércores, 17 de xullo, na web municipal ou de forma presencial na Asociación de Veciños da Miñoca. A artista Vanesa Álvarez é a responsable da obra que se pintará na superficie do paseo de Coia, desde Praza América á rotonda de Alfageme.
“Imos iniciar unha forma diferente, unha nova forma de facer o programa Vigo, cidade de cor. Será no chan, en Coia, no paseo central da Avenida de Castelao”, explicou o alcalde ao informar da iniciativa coa que o Concello quere que “todas as persoas que queiran cooperen pintando o paseo”, converténdose en asistentes da artista.
As persoas que desexen sumarse á iniciativa serán dirixidos pola artista responsable do proxecto, Vanesa Álvarez, e o seu equipo. O mural de Coia é similar ao que a artista realizou no chan en Union Square, en Nova York, a pasada primavera. No caso de Coia, o mural lanza unha mensaxe de coidado do medio ambiente.
Tal e como apuntou o rexedor, as persoas colaboradoras encargaranse de encher de cor, con brocha e rodete, o deseño marcado xa no chan baixo a dirección do equipo responsable do mural.
No pintado poden participar todas as persoas que queiran, maiores de 12 anos previa inscrición antes do próximo mércores, 17 de xullo, na web municipal www.vigo.org ou de forma presencial na Asociación de Veciños da Miñoca ou na Oficina Municipal de Voluntariado. Á hora de pintar, é aconsellable que leven gorra, protector solar, auga e roupa que se poida manchar.
O mural de Coia elaborarase ao longo de dúas semanas: do 22 ao 26 de xullo (excepto o 25 festivo) e do 29 de xullo ao 2 de agosto en dúas quendas de traballo: de 9 a 11h e de 11 a 13 horas.