A danza urbana volve a Samil esta fin de semana da man do VIKUL
O alcalde anunciou que os shows se desenvolverán na pista de patinaxe de Samil a partir das 19:30 horas con máis de 600 bailaríns e bailarinas.
Abel Caballero anunciou que o 12 e 13 de xullo Samil volverá a acoller o encontro de danza urbana, VIKUL. Trátase da décimo segunda edición, unha ocasión para reunir a máis de 600 artistas na pista de patinaxe do areal vigués e levarán a cabo distintos shows a partir das 19:30 horas.
Os bailaríns participantes no evento poderán participar de forma completamente gratuíta dunha formación de alta calidade da man da coreógrafa, creadora de campións e viguesa Diana Ballesteros, que impartirá unha clase de waacking no Centro Comercial Vialia Estación de Vigo, no escenario que se atopa no Foodcourt. Desde Costa do Marfil, recibimos a Silver Vice, bailarín e coreógrafo especialista en coupé décalé, Afrohouse, Dancehall e HipHop. Silver impartiu clases por todo o mundo, Côte d’Ivoire, Francia, Australia, América, Inglaterra, Alemaña, Suíza, Canadá, Finlandia... agora tócalle a quenda a Vigo, o próximo 12 de xullo ás 11:00 en Vialia.
Desde Francia, a ucraína Kate Byednenko, impartirá unha maxistral clase de hip hop o 13 de xullo ás 11:00 en Vialia. Kate, bailarina e coreógrafa multidisciplinar, participou en numerosos proxectos, desde programas de televisión e anuncios (Nike, McDonald’s, Fox) ata vídeos musicais e espectáculos en vivo. Obtivo logros significativos, sendo finalista nos mundiais de Hip Hop International 2021 e o título nacional en Red Bull Dance Your Style Portugal 2022. Ademais, cofundadora “The Menu - Serving the Culture”, un evento dedicado a fortalecer a comunidade de hip hop en Portugal, país no que se criou.