As reservas para a actuación de Sen Senra a venda o martes 16 de xullo
Abel Caballero sinalou “terán un custe de 10 euros”. O Vigo en Festas 2024 arrinca co concerto de Dani Fernández do sábado ás 22:00 horas.
O alcalde deu a coñecer hoxe os datos para adquirir a reserva de entradas para a platea no concerto do artista local Sen Senra, que se celebrará no Día de Galicia, o xoves 25 de xullo ás 22:00 horas.
A venda de reservas terá lugar o vindeiro martes 16 de xullo, coa ampliación de horario establecida polo Concello, tratando de proporcionar unha maior axilidade e facilidade da cidadanía, estando operativa de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.
Poderanse adquirir un total de 5.000 localidades, 4000 de xeito presencial no auditorio de Castrelos e 1000 en liña. En cada quenda estarán á venda 2000 reservas físicas e 500 de xeito online.
Cada persoa poderá retirar 4 reservas nominativas, co que terán que acudir cunha copia do DNI (ou outro documento identificativo) das persoas para as que queira adquirir a reserva. No caso do artista portorriqueño o prezo será de 10€.
Caballero tamén recordou que o luns 15 de xullo saen a venda as reservas para Luis Fonsi e que este sábado “comezamos cun concerto excepcional” de Dani Fernández.