Escoitar

Adxudicada a xestión das escolas infantís municipais de Tomás Alonso e Bouzas

A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobou este venres a adxudicación do servizo da xestión das escolas infantís municipais de Tomás Alonso e de Bouzas ata o ano 2027 por un importe de 2.102.607 euros.

venres, 31 mai 2024

O alcalde avanzou hoxe a adxudicación da xestión das escolas municipais de Bouzas e Tomás Alonso, cun custo medio anual de 525.000 euros.

Caballero lembrou que os centros son totalmente gratuítos, incluído o servizo de comedor. “Facemos anualmente aos usuarios unha subvención de medio millón de euros que é o custo das escolas”, recalcou o rexedor. Acto seguido indicou que entre as melloras que se incorporarán atópanse tanto o aumento das horas de atención do servizo de orientación familiar como a achega de material didáctico. “Melloran de forma substancial”, afirmou.

Fomento do emprego

O goberno municipal tamén aprobou este venres as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións dirixidas entidades sen ánimo de lucro para fomentar o emprego mediante proxectos relacionados coa investigación e a innovación.

O alcalde sinalou que a convocatoria está dotada con 40.000 euros e que cada proxecto poderá contar cunha axuda máxima de 15.000 euros. “Trátase, preferentemente, de que o sector transformador poida acudir para xerar emprego”, indicou Caballero.

A iniciativa debe permitir a adquisición de experiencia investigadora, de innovación en sectores de interese e de tratar de buscar o emprego de alta calidade.

Descargar todas as imaxes