A Copa de Europa de tríatlon e a Copa do Mundo de tríatlon paralímpico aterra en Samil esta fin de semana
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, estivo acompañado por Jorge García, director de competicións de FETRI, e por Javier Campos, presidente da Federación Galega, na rolda de prensa de presentación desta mañá. A disputa da proba afectará a mobilidade no entorno de Samil.
Este fin de semana Samil será o epicentro do tríatlon, coa disputa da Copa de Europa de tríatlon e a Copa do Mundo de tríatlon paralímpico, “un evento deportivo de primeira magnitude”, destacou o rexedor olívico.
Abel Caballero mostrou o seu “entusiasmo” porque a nosa cidade “acolla por primeira vez estas probas”, o que cualificou como unha “honra”. O rexedor quixo aproveitar para convidar a toda a cidade a gozar cun deporte “dunha extraordinaria vistosidade”, destacando a presenza dos vigueses Susana Rodríguez Gacio e Antonio Serrat, ambos, “con praza para os Xogos Olímpicos de París” deste verán.
Jorge García aproveitou para trasladar o agradecemento ao Concello de Vigo, por “acoller as dúas mellores competicións deste deporte”. O responsable da Federación Galega tamén agradeceu o papel do ente municipal, ademais de destacar a organización dunha proba de categorías inferiores.
Cambios no tráfico
Debido á celebración da Copa do Mundo de tríatlon paralímpico e da Copa de Europa de tríatlon o sábado 1 de xuño na contorna de Samil, infórmase das afeccións aos usuarios da praia, do Hotel Ática e aos residentes en xeral:
1.-Horario das probas:
-09,00h-12,43h Carreira Paratríatlon
-13,30h-16,35h Probas de menores
-17,00h-20,15h Copa de Europa Elite
2.- Afeccións á mobilidade:
-A Avenida de Europa, entre a rúa San Paio e a Avenida de Samil, permanecerá cortada ao tráfico de vehículos dende as 8,00 horas e ata as 12,45h cando se abrirá ao tráfico un carril ascendente cara Av Castealo, permanecendo o sentido descendente pechado ata o final do evento, previsto ás 20,15h.
-A Avenida de Samil, entre a Avda. Europa e o Camiño Fonte, permanecerá cortada ao tráfico de vehículos dende as 8,00h ata o final do evento, previsto ás 20,15h. O acceso a este tramo da praia de Samil, a praia da Fonte e praia Tombo do Gato será exclusivamente peonil.
-O aparcadoiro situado ao carón da glorieta, na confluencia coa Avda Europa e Avda de Samil, permanecerá pechado dende o 28/06/2024
-A rúa Baixada a Samil establecerase de sentido único de circulación desde a Avda de Samil cara á rúa Pereiras ou á rúa San Paio desde as 8,00 ás 12,45 h.
-O Camiño Poulo do Pozo será de dobre sentido de circulación para acceso e saída de residentes e hostalería.
-O transporte público, desde as 8,00 ás 12,45h prestará servizo polo acceso norte ata a Avda de Samil con Camiño Fontes e, polo sur, ata as pistas de tenis de Samil. A partir das 12,45h o bus dará servizo a toda a zona sur de Samil con sentido ascendente pola Avda Europa.
3.- Desvíos recomendados:
Os accesos á praia de Samil durante a celebración do evento (8,00-20,15h) serán pola rúa do Río (Paseo Lagares) ou rúa de Canido.
-Recoméndase evitar ao longo do día o uso da Avda Atlántida para o acceso ao areal, optando por desvíos polas rúas Tomás Paredes ou Camiño da Veiguiña.
-Os accesos de vehículos cara ao Hotel Ática e residentes da contorna da Avda de Samil entre a Avda Europa e Camiño Fonte (zona norte de Samil), será pola Avda Atlántida, Camiño Fonte e Camiño Argazada ou desde a parroquia de Alcabre, por Camiño Garita ou Camiño Pertigueiras.