Escoitar

O Concello investirá 550.000 euros en renovar a finais deste verán o firme da Avenida de Citroën

Abel Caballero anunciou este xoves que a Xunta de Goberno aprobará mañá o expediente para contratar da pavimentación da Avenida de Citroën. A renovación do firme comprenderá desde o cruzamento con Camposancos e Florida ata a ligazón coa Avenida de Portanet no cruzamento coa rúa Val Miñor.

xoves, 30 mai 2024

“Trátase dun asfaltado e pavimentación importantísima dunha vía de alta utilización cun custo estimado de 550.000 euros”, destacou o alcalde.

Caballero explicou que a previsión do Concello é iniciar as obras a finais deste verán. “Vai mellorar moito a seguridade, así como as condicións de circulación porque imos renovar todo o firme da calzada, e instalaranse sumidoiros que se conectarán coa rede de pluviais, para mellorar a rede de drenaxe”, remarcou.

Convenio coa Deputación presidida por Carmela Silva

O rexedor lembrou que a obra está cofinanciada pola Deputación Provincial de Pontevedra polo acordo asinado con Carmela Silva de presidenta.

“Aínda neste momento seguimos facendo obras que veñen dos acordos que tomamos coa Deputación sendo presidenta Carmela Silva”, incidiu Caballero ao sinalar que “a estas alturas non temos ningún acordo coa Deputación para acción na cidade de Vigo, salvo a bancada de gol, e aínda están activas as aprobadas no mandato de Silva”.

Descargar todas as imaxes