Escoitar

As xornadas municipais de violencia vicaria abordan a loita contra este drama

O alcalde xunto á concelleira de Igualdade, Ana Laura Iglesias, participaron este mércores na inauguración das xornadas que contan coa participación de catro expertas na materia: Teresa Peramato, Inmaculada Poveda, Ana Bernal e Marisa Soleto.

mércores, 29 mai 2024

Vigo acolle este mércores e xoves unhas xornadas contra a violencia vicaria na Sala de Conferencias da sede de Afundación cun panel de catro expertas co obxectivo de reforzar e definir as actuacións para loitar contra “esta violencia tan dramática”.

O alcalde participou na inauguración das conferencias e reivindicou as políticas que está a levar adiante o Concello “para favorecer a igualdade, en contra da violencia machista e sobre todo en contra da violencia vicaria”. O termo de violencia vicaria naceu no ano 2012 para referirse aos fillos e fillas asasinados polos pais para ferir ás mulleres. No que vai de ano 2024, foros asasinados 7 menores.

A xornada abriu esta tarde da man de Inmaculada Poveda, avogada experta en violencia de xénero e membro da directiva da Asociación de Mulleres Xuristas Themis. Tamén participou Ana Bernal, doutora en Xornalismo, escritora e profesora da UOC. Experta en violencia de xénero e a contorna dixital e as tecnoloxías; e mañá xoves, a partir das 17 horas, intervirán Teresa Peramato, fiscal de Sala Delegada de Violencia sobre la Mujer; e Marisa Soleto, Directora da Fundación Mujeres e membro do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero.

As charlas están orientadas para profesionais xurídicos, sanitarios, forzas e corpos de seguridade, persoal de ámbito social e institucional, medios de comunicación e cidadanía en xeral.

Descargar todas as imaxes