Caballero: “En breve teremos aprobado o PXOM, unha moi boa nova para a cidade”
O Concello vén de recibir informes favorables ao PXOM da Axencia Galega de Infraestruturas e Patrimonio. Estes documentos son positivos a pesar de incluír algúns condicionantes menores que o goberno local solventará de inmediato para remitir toda a documentación á Consellería de Medio Ambiente e conseguir o antes posible a Declaración Ambiental Estratéxica. A previsión é aprobar o documento de xeito provisional este mesmo ano.
O alcalde deu conta esta mañá da recepción dos dous informes pendentes para poder avanzar na tramitación do Plan Xeral, os correspondentes á Axenda Galega de Infraestruturas e Patrimonio. Tal e como explicou, o Concello debía ter recibido estes informes hai seis meses e “agora xa sabemos que era unha cuestión política o que atrasaba esta emisión porque non había motivo técnico algún que impedira esta aprobación”.
En todo caso, puntualizou, é preciso lembrar que para conseguir o informe favorable de Infraestruturas, o Concello tivo que renunciar aos 85 millóns de financiación para o sistema xeral viario competencia autonómica. Respecto do aval de Patrimonio, engadiu, logo de solicitar informe, o 15 de maio pedíuselle unha entrevista á directora xeral de Patrimonio. Como resposta, a devandita directora requiriu máis información e desde entón estamos á espera. “Esta análise de prazos poñen de relevo as nosas críticas cando dicíamos que a Xunta quixo obstaculizar por motivos políticos o PXOM”.
O alcalde agradeceu a colectivos sociais e empresariais polo seu apoio á hora de reclamar á Xunta que axilizara uns informes que estaban retidos sen motivo algún. Respecto dos prazos pendentes, avanzou que o Concello comezará a solventar de inmediato as condicións dos informes – que son cuestións menores – para remitir a Medio Ambiente toda a documentación e conseguir a Declaración Ambiental Estratéxica, paso previo á validación provisional do PXOM. Esta aprobación será este ano e dependerá do que a Xunta tarde en emitir o devandito informe que, sen dúbida, será favorable. Por tanto “ en breve teremos aprobado o PXOM, unha moi boa nova para a cidade”.