A Festa da Cultura enche de música e folclore a Porta do Sol o 7 e 8 de xullo
O Concello e a Asociación de Centros Culturais de Vigo organizan dúas xornadas de música tradicional que comezan este venres, 7 de xullo, ás 18 horas e rematan na noite do sábado 8.
O concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, avanzou na rolda de prensa de presentación do festival que a Porta do Sol se vai converter estes días no “epicentro da música, da cultura e da vida”, un espazo musical e cultural que xa é un referente na cidade e onde vai poder gozarse da Festa da Cultura este venres 7 pola tarde e o sábado 8 de xullo durante todo o día.
Máis de 500 participantes, de diferentes formacións da cidade, amosarán a música e o folclore tradicional un ano máis na Festa da Cultura. O edil agradeceu o traballo da Asociación e de tódolos grupos que forman parte do programa por “seguir facendo cidade” e convidou á cidadanía viguesa a achegarse á praza para gozar desta festa “da nosa cultura”.
Marcos Castro, presidente da Asociación de Centros Culturais de Vigo, sinalou que os dous días da Festa da Cultura representan unha “oportunidade de gozar dos grupos máis representativos da cidade” nunha festa que serve de escaparate para “expoñer e manifestar a nosa cultura”.