Escoitar

Bando do alcalde con motivo da celebración en Vigo da Feira Mundial da Pesca

Benqueridos conveciños, como sen dúbida observaron, desde hai algúns anos todas as cidades pugnan por promoverse como sedes de grandes eventos de todo tipo e da maior trascendencia posible. Parecera como si nesta nova sociedade da comunicación só o que ten repercusión mediática "está no mundo". Sen dúbida, en boa medida é así, pero non deberiamos deixarnos levar só pola imaxe do que pasa, esquecendo a esencia de aquilo que se pode proxectar.

mércores, 17 set 2003
É o caso dun grande acontecemento que imos vivir en Vigo durante esta semana con ocasión da celebración da Feira Mundial da Pesca, máis coñecida internacionalmente como World Fishing Exhibition. É xa a quinta vez que a organización internacional desta feira elixe Vigo como sede nos derradeiros trinta anos e isto quere dicir que a nosa cidade deu sempre un alto nivel en capacidade de acollida e como referente da industria pesqueira en toda a súa extensión.

O mar está tan preto de nós que ás veces esquecemos miralo ou pensar nel. Pero foi ese mar a nosa orixe e nel está o noso futuro. De como os homes e as mulleres desta terra nos relacionamos co mar e cos seus productos xerouse todo un saber tecnolóxico e cultural do que debemos sentirnos orgullosos porque é o noso patrimonio.

Agora virán visitantes de todo o mundo para comprobalo. Expositores de máis de sesenta países se concentrarán desde hoxe ata o domingo en Cotogrande, para facer da pesca un medio de riqueza e negocio para os nosos pobos. Simultaneamente, acollimos a Conferencia Mundial de Ministros de Pesca, que supón unha grande honra para a nosa cidade pola importancia dos seus asistentes e pola trascendencia dos acordos aos que se teña chegado .

Quero compartir con todos vós, os meus veciños, a ledicia que teño como Alcalde por todo o que lles señalei. Veñan ver a feria e falen dela cos seus familiares a amigos. Síntanse tan orgullosos como o resto da Corporación municipal que acolleremos con enorme satisfacción este evento. Pensen que grandes entidades como "Caixanova" ou "Caixagalicia" prestaron un grande apoio ao Concello para poder atender as necesidades de acollida que debemos ter como anfitrións. Porque ese é precisamente o noso e o seu papel, ser os anfitrións dos milleiros de visitantes do mundo da pesca que aquí se darán cita.

Teñamos a cidade bonita, o noso mellor sorriso, a palabra amable para con todos eles. E por favor, un último pedimento: utilicen o transporte público e gratuito que poremos á súa disposición para subir ao recinto ferial de Cotogrande. Faremos un grande esforzo de comunicación para que coñezan as paradas, os horarios e as frecuencias dos autobuses.

Que todos o gocemos e que sexa polo ben de Vigo.