Abel Caballero: “Vigo neste intre cumpre todos os requerimentos para ser sede do Mundial 2030”
Este martes mantívose unha xuntanza en Madrid para coñecer información precisa dos novos requisitos para ser unha das sedes do Mundial 2030 en España, Portugal e Ucraína. No día de hoxe elevouse a sétima, e derradeira, parte da estrutura da cuberta de Marcador.
O alcalde afirmou que na reunión celebrada onte martes na sede da Federación Española de Fútbol, comunicáronse novos requisitos “sobre campos de adestramento e hoteis” para optar a sede do Mundial, “dos cales Vigo cumpre todos”.
Caballero avanzou que as 15 sedes actuais, recibirán en próximas datas a visita de membros da organización da candidatura, co obxectivo de comprobar o estado de cada unha, sinalando que “sabemos que temos unha magnífica proposta, unha magnífica candidatura. Somos parte do núcleo duro das candidaturas”.
Na mañá de hoxe, a grada de Marcador xa conta coas sete partes da estrutura da cuberta, completando a unión coas gradas de Tribuna e Río Alto. A súa vez, o rexedor sinalou que continúa o avance na colocación das butacas e os progresos na cubrición externa do graderio.