A Corporación pide á Xunta que dote a Vigo das prazas residenciais públicas necesarias para as persoas maiores
A moción socialista, defendida pola concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, insta ao goberno autonómico a aprobar un Plan de Choque urxente que permita o acceso dos maiores a unha praza nunha residencia pública. Saíu adiante co apoio do resto de grupos agás o PP, que se abstivo.
O Pleno de Vigo demanda á Xunta de Galicia que dote á cidade das prazas residenciais públicas necesarias para as persoas maiores, que permitan un acceso ao seu dereito de praza residencial sen esperas, sen demoras e sen ser trasladados a outros lugares de Galicia desarraigados da súa contorna. Nestes momentos, segundo o texto da moción socialista, hai máis de 250 persoas de Vigo e a súa área se atopan en lista de agarda para acceder a unha residencia. Así, tamén se insta á Xunta a que faga públicos os datos de cantas prazas residencias públicas para persoas maiores hai dispoñibles na cidade e a que aposte por un modelo residencial público para persoas maiores, que respecte a súa dignidade, a súa independencia e autonomía, que aposte pola vida en comunidade dos nosos maiores, en pequenas unidades de convivencia.
Yolanda Aguiar sinalou que a Xunta de Galicia non construíu en Vigo nin unha soa praza pública en residencias, o que ten derivado nun déficit estrutural de máis de 3.500 prazas para poder chegar á ratio recomendada pola Organización Mundial da Saúde.
Reforma dos centros educativos públicos
O Pleno Municipal do mes de febreiro acordou tamén instar á Xunta de Galicia a que aborde de forma urxente a reforma integral dos centros educativos públicos da cidade cunha modificación orzamentaria urxente, asumindo así as súas competencias e atendendo as demandas da comunidade educativa viguesa.
O edil de Educación, Gorka Gómez, defendeu a moción do grupo socialista, aludindo ao “abandono dos centros educativos e o risco que supón para a comunidade educativa o mal estado das instalacións educativas”. Explicou que as instalacións públicas da cidade teñen, nalgúns casos, 50 anos polo que ano a ano van medrando os problemas e necesidades de mellora do illamento, electricidade, fontanería, fachadas... ante o que o Concello incrementa anualmente a partida destinada á conservación e mantemento da rede de centros público.
Medidas para favorecer as familias traballadoras
A Corporación deu luz verde este mércores á moción do grupo municipal mixto instando ao Goberno de España a aprobar un Real Decreto que suspenda ata xaneiro de 2024 a revisión das cotas de tódalas hipotecas para vivendas habituais a tipo variable deixándoas conxeladas ata esa data para as familias que superen o 30% da cota con respecto aos seus ingresos. Rubén Pérez, voceiro do grupo mixto, defendeu que o Goberno suspenda a revisión facendo recaer o custo nas marxes das entidades bancarias en base ao diñeiro que estas deben logo do rescate bancario “que nos custou ata 2020 case 96.000 millóns de euros”. Amais demándase ao Estado que negocie coas entidades bancarias a redución dos seus “enormes beneficios” suspendendo a revisión das hipotecas en 2023, o que supón “aproximadamente o 50% das súas ganancias”.