Escoitar

Caballero confía no Goberno de España para seguir cos proxectos de Vigo e afirma que estará vixiante

O alcalde reaccionou esta mañá en rolda de prensa aos cambios en Transportes, co cese de Isabel Pardo de Vera, e afirma “ter toda a confianza” polo aval do presidente Pedro Sánchez e a ministra Raquel Sánchez aos proxecto da LAV Vigo – Ourense por Cerdedo, a saída sur ferroviaria e a autovía en túnel a O Porriño, aínda que asegurou que “estará moi vixiante”.

martes, 21 feb 2023

Abel Caballero di “ter toda a confianza” no Goberno de España para seguir adiante cos proxectos estratéxicos tras os cambios no Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana: a Liña de Alta Velocidade Vigo-Ourense por Cerdedo, a saída sur ferroviaria e a autovía en túnel ata O Porriño. O alcalde di que permanecerá “moi vixiante” e que estas infraestruturas contan co aval do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a ministra de Transportes, Raquel Sánchez.

“Sei que o Goberno de España vai continuar á mesma velocidade ou máis e que vai poñer gran empeño”, afirmou en rolda de prensa. Abel Caballero quixo lembrar o traballo feito pola xa exsecretaria de Estado, Isabel Pardo de Vera, “e que desbloqueou as infraestruturas estratéxicas para Vigo”.

Así, o rexedor comezou o relato histórico da LAV Vigo-Ourense por Cerdedo, “paralizada e rexeitada polo goberno de Fraga en 2002, gobernando o PP en España e en Galicia”. Caballero deu conta de que foi con Zapatero no Goberno de España e xa el como alcalde de Vigo quen retomaron o proxecto e no 2010 aprobaron a Declaración de Impacto Ambiental, documento que segundo explicou caduca por Lei aos catro anos se non se avanza na tramitación e que o goberno de Rajoy con Ana Pastor ao fronte de Fomento “non moveron un papel”.

Deste xeito, Caballero recoñeceu a Isabel Pardo de Vera desbloquear o proxecto da LAV por Cerdedo, que agora xa está pendente da Declaración de Impacto Ambiental na Confederación Hidrográfica Miño-Sil. “Pardo de Vera desatascou o proxecto máis importante para esta cidade para non ter que facer a vergoña de ter que ir por Santiago, como condenounos o PP”, dixo.

Outros dos puntos que o alcalde louvou de Pardo de Vera foi a tramitación da saída sur ferroviaria, que xa está en licitación do Estudo Informativo. Caballero lembrou que el chegou a Alcaldía e modificou con Zapatero no Goberno de España a entrada do tren na cidade, que o PP ía facer en superficie e Caballero pediu en túnel: “Nunca máis houberamos falado de saída sur se non se modificaba o proxecto”, afirmou, e lembrou que está o compromiso de Pedro Sánchez e Antonio Costa co cumio hispanoluso de Guarda onde o rexedor estivo presente.

Por último, tamén quixo poñer de manifesto a futura autovía en túnel ata O Porriño, “a que Feijóo propuxo á ministra que non fixera e aforrase 350 millóns de euros e que xa está na fórmula dos trazados e sairá a información pública en maio ou xuño”.

Caballero concluíu co seu recoñecemento a Isabel Pardo de Vera, “que traballo firmemente por esta cidade a agora atácanlla quen parou todo”

Descargar todas as imaxes