Escoitar

A Casa Galega da Cultura acolle a mostra “60 pezas para 60 anos” da Fundación Penzol

Abel Caballero participou este martes na apertura da exposición que recolle sesenta pezas pertencentes aos fondos que a Fundación foi salvagardando ao longo dos seus primeiros sesenta anos de historia.

martes, 21 feb 2023
O alcalde intervén na apertura da exposición na Casa Galega da Cultura
O alcalde intervén na apertura da exposición na Casa Galega da Cultura

O alcalde puxo en valor o traballo da Fundación Penzol que ten a súa sede na Casa Galega da Cultura, na Praza da Princesa: “é algo máis ca un lugar, ca unha fundación; e un símbolo e unha forma de entender Galicia” e celebrou o sesenta aniversario da entidade “60 anos dun símbolo que nos une a todos e que somos capaces de sentilo co mesmo entusiasmo”.

“60 pezas para 60 anos. Fundación Penzol, 1963-2023”, é a mostra que celebra os sesenta anos da creación da entidade e que pode visitarse desde este martes, 21 de febreiro, e ata o vindeiro 21 de maio.

Na exposición preséntanse sesenta pezas, unha por cada ano de existencia da Fundación, seleccionadas dos seus valiosos fondos das seccións de obxectos, carteis, cartografía de Galicia, libros manuscritos, fondos arquivísticos, libros impresos e revistas e publicacións periódicas. Conforman unha mostra significativa do que se custodia nas instalacións da Penzol.

O alcalde comprometeu a cooperación do Concello coa Fundación: “seguiremos cumprindo a a nosa función e daremos apoio á Penzol para o que pidades” e desexou “infinitas primaveras para a Penzol”.

No acto de inauguración interviñeron, xunto ao alcalde, Xosé Soutullo (director da Fundación Penzol), Víctor F. Freixanes (presidente da Real Academia Galega) e Antón Vidal Andión (vicepresidente 1º da Fundación Penzol).

O alcalde intervén na apertura da exposición na Casa Galega da Cultura
Descargar todas as imaxes