Escoitar

O alcalde anuncia a continuade das ramplas da Gran Vía dende Praza España ata Praza América

As ramplas da Gran Vía desde Venezuela ata Praza España estarán rematadas a mediados do vindeiro mes de marzo.

martes, 14 feb 2023

A segunda fase da Gran Vía, coa instalacións das ramplas entre Bolivia e Nicaragua, atópase a piques de finalizar. Como deu conta o alcalde esta mañá, os pórticos xa están instalados e faltan os derradeiros vidros que cubrirán o corredor mecánico, no que a empresa encargada empezou a configurar o funcionamento das cintas, un traballo que levará ao redor de dúas semanas.

Abel Caballero recordou que esta fase inclúe dous tramos de cintas que salvan unha pendente media do 8,5%. As ramplas levan instalado un sistema de aforro enerxético stop-slow-fast que reduce a velocidade ante a ausencia de pasaxeiros.

Nestes intres, tamén se están instalando os remates finais do mobiliario e a vexetación, así como unha pavimentación capaz de xerar enerxía a través das pisadas das persoas. Ao redor da figura do Pezseto, instalarase unha reprodución con led, que simulará o fondo mariño, no que os peixes moveranse en función das pisadas. O prazo previsto de finalización esta fixado a mediados do mes de marzo.

O orzamento da fase II é de 4.234.892 euros, contando con parte de financiamento de Fondos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que aportan 3,1 millóns. A primeira fase tivo un custo de 5,5 millóns, o que eleva o total ata os 9,7 millóns de euros. O alcalde aproveitou para anunciar a súa intención de completar a instalación de ramplas mecánicas na Gran Vía durante o seguinte mandato, realizando o tramo entre Praza América e Praza España.

Descargar todas as imaxes