Escoitar

Caballero destaca a figura de José Gil “pai do cinema galego” e o seu extraordinario legado

O rexedor participou na presentación do proxecto “José Gil. Pontevedra provincia de cinema, na orixe do cinema", que levará este ano por toda a provincia exposicións, charlas, proxeccións e música

martes, 14 feb 2023

O alcalde participou esta mañá na presentación de “José Gil. Pontevedra provincia de cinema, na orixe do cinema", un proxecto cultural que homenaxea ao “pai do cinema galego” e que percorrerá ata final de ano toda a provincia con exposicións, charlas, música e proxeccións co obxectivo de achegar a todos a histórica figura do cineasta e fotógrafo nado en Rubiós (As Neves) e que instalou en Vigo a súa base principal.

“A figura de José Gil, que tanto traballou na nosa cidade, déixanos un legado histórico moi importante, unha maneira de entender o mundo que arraiga no máis profundo de todos nós”, asegurou Caballero.

O rexedor lembrou a importancia que o cinema tivo na súa nenez, cando “nos colábamos no teatro de Tui para ver películas”, e o valor do “cinema móbil” que patentou Gil. “Nunha camioneta como a que recrearon para esta exposición lograba achegar as proxeccións ás poboacións con menos recursos e iso foi esencial para que o cinema formase parte da cultura colectiva”. Destacou o valor das pezas que filmou Gil, entre as que se atopan todas as festas de Vigo entre 1910 e 1934, partidos de fútbol, entroidos, etc.

Á presentación, celebrada no Museo Marco, acudiron tamén Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, promotora do proxecto xunto coa Editorial Galaxia e Vía Láctea Films, que estiveron representados polos seus directores, Francisco Castro e Ignacio Vilar, respectivamente. Ademais, participou Manolo González, autor de "Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil", e o fotógrafo Carlos Méndez e a restauradora Lucía Concepción, que explicaron o funcionamento da cámara de placa húmida que utilizaba Gil a principios do século XX.

En Vigo, as actividades deste proxecto poderanse gozar a finais do mes de outubro.

Descargar todas as imaxes